A reforma da praza Pintor Arturo Souto avanza coa retirada do vello pavimento

Pontevedra
27 de xaneiro 2022

Na actualidade xa está levantado todo o pavimento e foi retirada a plantación de laranxeiras, que serán transplantadas a outra zona da cidade, xa que non se consideraba a árbore máis acaída para un lugar sombrío

Obras na praza Pintor Arturo Souto Concello de Pontevedra

As obras de reforma da praza Pintor Arturo Souto, no ámbito de Loureiro Crespo, avanzan a pleno rendemento

Na actualidade xa está levantado todo o pavimento e foi retirada a plantación de laranxeiras que serán transplantadas a outra zona da cidade, xa que non se consideraba a árbore máis acaída para un lugar sombrío.

A intervención pretende trasladar os estándares de calidade urbana a esta zona da cidade e acabar cos importantes problemas de accesibilidade que tiña toda a praza, que evitaba que fose empregada polos veciños.

A proposta consiste na creación dunha plataforma única na que se elimina o carril de circulación actual que bordea toda a praza. Logo da reforma, os vehículos poderán acceder tendo en conta que a prioridade sempre será do peón.

A obra completarase con novo mobiliario urbano e con novas plantacións máis apropiadas para este espazo urbano.

Esta actuación completará a reforma urbana realizada na rúa Loureiro Crespo, no tramo comprendido entre a praza do Hospital e a rotonda de Doce de novembro.