A primeira das dúas fases do proxecto de mellora e humanización da rúa Concepción Arenal desde o límite con Pontevedra ata a rúa José Trasande entra na súa recta final para proceder á firma do contrato de execución.
A Xunta de Goberno adxudicou as obras que se executarán en dúas fases, a primeira centrarase no treito comprendido entre a rúa Real de Cantodarea ata a intersección José Trasande. A segunda fase abarca desde José Trasande ata As Áncoras.
O orzamento total é de 1,6 millóns de euros que financiará nun 80% a Xunta de Galicia e un 20% o Concello de Marín.
Na actualidade nesta rúa resulta imposible manter os dous sentidos de circulación e os aparcadoiros a ambos os dous lados. Ademais, os constantes arranxos nas redes municipais fan aconsellable a súa renovación.
O proxecto que se vai a executar contempla dar unha maior amplitude ás beirarrúas, crear unha liña completa de aparcadoiros, dotar de carrís de circulación con ancho suficiente nos dous sentidos, mellorar as redes municipais de saneamento e abastecemento e renovar a iluminación e mobiliario urbano.