A reforma da rúa Progreso, acordada entre Concello e Xunta

Sanxenxo
01 de febreiro 2018

Trátase dun tramo de 1,3 quilómetros da PO-308 que, segundo o goberno municipal, hai moito tempo que deixou de ser unha simple travesía urbana e que, por tanto, require dunha ordenación do tránsito e aparcadoiro dos vehículos e unha mellora dos itinerarios peonís, que actualmente non reúnen as mínimas condicións

Rúa Progreso en Sanxenxo
Rúa Progreso en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Un convenio que asinarán en próximas datas o Concello de Sanxenxo e a Consellería de Infraestruturas permitirá reformar e humanizar unha dos principais ámbitos urbanos da vila: a rúa Progreso.

Trátase dun tramo de 1,3 quilómetros da PO-308 que, segundo o goberno municipal, hai moito tempo que deixou de ser unha simple travesía urbana e que, por tanto, require dunha ordenación do tránsito e aparcadoiro dos vehículos e unha mellora dos itinerarios peonís, que actualmente non reúnen as mínimas condicións.

Ademais, a rúa conta actualmente cunha ampla actividade comercial e hostaleira con máis de oitenta establecementos abertos ao público. 

O Concello dispón dun anteproxecto de mellora da rúa Progreso, valorado en 2,5 millóns de euros, cantidade que será financiada con participación das dúas administracións. 

Esta actuación pretende reordenar os carrís de circulación de vehículos e dos espazos para aparcadoiro, ampliar as beirarrúas a un mínimo de 1,80 metros nos tramos da rúa máis estreitos, crear zonas de descanso, renovar o mobiliario urbano ou substituír os servizos de auga, saneamento, electricidade e telefonía.

A reforma e humanización da rúa Progreso foi, no seu momento, un dos puntos do pacto de goberno entre PP e SAL.

O goberno municipal espera que o convenio entre as dúas administracións poida asinarse nas próximas semanas para licitar a obra canto antes.