A concelleira de Deportes, Marga Caldas inspeccionou o avance nas obras que se están a acometer no campo de fútbol da Reiboa, situado na Seca, na parroquia de San Xoán. Este é un proxecto que conta cun orzamento que supera os 200.000 euros e que contempla, entre outras novidades, a dotación dun céspede sintético de última xeración, homologado pola FIFA para a disputa de competicións oficiais.
Se non se produce ningún contratempo, o campo de fútbol volverá a estar a disposición dos clubs e usuarios este outono. "A previsión é que no mes de novembro xa estea operativo e poida acoller adestramentos e competicións oficiais e de base, como era habitual", sinala Marga Caldas, que agradece a comprensión do tecido deportivo sobre as consecuencias que teñen estas obras tan necesarias.
Tal e como explicou Caldas, a empresa adxudicataria xa concluíu a retirada da antiga superficie, que se atopaba nun importante estado de deterioro. Actualmente, as tarefas céntranse na limpeza e posta a punto do sistema de drenaxe. Ademais, estanse a levar a cabo reparacións na base do terreo de xogo, a fin de garantir a escorrentía das augas.
"Este punto da actuación é moi importante, porque axuda a garantir que non se produza acumulación de auga na superficie, como acontecía nos últimos tempos, e que provocaba a degradación do céspede", explicou a titular de Deportes. Unha vez que estes traballos conclúan, procederase á dotación do novo tapete, ademais de renovar porterías, os canóns de rego e as bandeirolas situadas nos currunchos do terreo de xogo.
A edil nacionalista adiantou que a adxudicataria tamén procederá á substitución dos bancos de suplentes e das láminas de céspede que hai nesa zona no terreo de xogo da Seca.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.