Os comerciantes de Cruz Gallástegui e Castelao foron os primeiros en manter un encontro co concelleiro de Mobilidade, Luís Bará, para coñecer de primeira man os cambios que vai experimentar todo este ámbito urbano nos próximos meses.
Precisamente por ambas as rúas, xunto con Sagasta, comezarán as obras previstas polo goberno municipal. Son onde, previsiblemente, apenas haberá oposición a estes traballos xa que a peonalización de Cruz Gallástegui e Castelao foi unha petición case unánime dos comerciantes da zona.
Iso si, ante os cambios previstos na circulación, todos eles expresaron as súas dúbidas ante certos aspectos da reforma, entre elas, como quedarán os accesos ou os aparcadoiros de servizos que hai actualmente na zona.
Bará adiantou que estas obras finalizarán antes do verán, deixando para máis adiante o resto das actuacións previstas neste plan de mobilidade.
Nas próximas semanas, o Concello organizará unha asemblea informativa con veciños e comerciantes e, ademais, realizará encontros sectoriais con diferentes colectivos da zona para explicarlles con detalle esta actuación e recoller posibles suxestións.