A rexión chinesa que inspirou "Avatar" quere irmandarse con Pontevedra

Pontevedra
08 de setembro 2016

Parece que Pontevedra segue estando de moda en China. Tras o premio recibido en Hong Kong, a aposta pola mobilidade peonil da cidade comezou a atraer o interese de numerosas localidades do país asiático. A última en facelo foi a rexión de Hunan, que expuxo a posibilidade de irmandarse con Pontevedra

Montañas de Zhangjiajie, na rexión chinesa de Hunan Carlos Adampol Galindo

Parece que Pontevedra segue estando de moda en China. Tras o premio recibido en Hong Kong, a aposta pola mobilidade peonil da cidade comezou a atraer o interese de numerosas localidades do país asiático. A última en facelo foi a rexión de Hunan, que expuxo a posibilidade de irmandarse con Pontevedra.

Como curiosidade, Hunan é a provincia chinesa onde se atopan as montañas de Zhangjiajie, unha paraxe natural que inspirou ao director James Cameron para crear os cumes flotantes de Pandora na película Avatar, a que máis cartos xerou de todos os tempos.

Xa se produciron os primeiros contactos entre Pontevedra e Hunan, rexión que está interesada no modelo urbano da cidade do Lérez, especialmente no ámbito relacionado coa protección do patrimonio histórico, segundo lle trasladou ao alcalde un representante desta provincia, Hugo Tian, durante unha reunión recente.

Ademais, o Instituto Urbano de Pequín convidou a Fernández Lores a impartir unha conferencia sobre a redución do tráfico rodado no centro da cidade, con vistas ao traballo que están a realizar para urbanizar o novo distrito administrativo da capital chinesa.

Este convite aínda non se aceptou, pero ao longo deste mes de setembro Pontevedra ten numerosas citas xa pechadas para divulgar os aspectos da reforma urbana realizada nos últimos anos.

Así, o alcalde viaxará o 14 de setembro a Rouen (Francia) para participar no foro Cidades en Transición, nunha mesa redonda xunto ao rexedor da cidade belga de Hasselt.

O intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, fará o propio na universidade de Alacante o 16 de setembro; mentres que o director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato, será o conferenciante nun seminario de mobilidade urbana que terá lugar o 21 de setembro en Loulé (Portugal). Ese mesmo día, Anabel Gulías e Macenlle participarán nun encontro sobre boas prácticas en enerxía e cambio climático en Pamplona.

Tamén haberá visitas a Pontevedra. Do 20 ao 22 de setembro, Francesco Tonucci acompañará a unha delegación de alcaldes e representantes municipais de concellos da rexión de Lazio (Italia) para participar nunha xornada técnica sobre os camiños escolares.

"Estamos a tope traballando no posicionamento exterior da cidade e cada vez son máis as demandas de información, de invitacións a conferencias e viistas que recibimos", resumiu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.