Tonucci, en Pontevedra: "Os nenos son peóns e nada máis. Se a cidade non é axeitada para os peóns, resultan excluídos"

Pontevedra
21 de setembro 2016

Francesco Tonucci, o pedagogo italiano que ideou a "cidade dos nenos" -gran inspiración para o modelo urbano de Pontevedra-, está de novo na cidade do Lérez. Pero esta vez, "non veño para falar, senón para estudar", explicou. Acompaña a unha delegación de alcaldes e concelleiros da rexión italiana de Lazio

Visita de alcaldes e concelleiros italianos a Pontevedra, encabezados por Francesco Tonucci
Visita de alcaldes e concelleiros italianos a Pontevedra, encabezados por Francesco Tonucci / Mónica Patxot

Francesco Tonucci, o pedagogo italiano que ideou a "cidade dos nenos" -gran inspiración para o modelo urbano de Pontevedra-, está de novo na cidade do Lérez. Pero esta vez, "non veño para falar, senón para estudar", explicou. Acompaña a unha delegación de alcaldes e concelleiros da rexión italiana de Lazio.

Todos eles decidiron visitar Pontevedra, segundo Tonucci, para coñecer o camiño que emprendeu no seu día o goberno municipal para "investir as xerarquías e as prioridades" no uso do espazo urbano, priorizando a mobilidade peonil e ciclista por encima do uso do automóbil particular "e cales foron as súas motivacións para facelo".

Están interesados no proxecto "pero teñen dúbidas", xa que segundo o pedagogo italiano "pensan que se cadra non é posible, que é moi complicado ou que a xente e os comerciantes van estar en contra", pero coa súa presenza en Pontevedra queren comprobar "que foi posible" e analizar como se realizou.

Para Francesco Tonucci, Pontevedra ten unha "vantaxe" con respecto a outras cidades que iniciaron esta mesma liña de traballo e que fixo unha elección "global e coherente", ao non apostar por un espazo "especial" para os peóns, senón por cambiar a cidade enteira, reducindo o tráfico rodado ao "uso por necesidade" e confiando nos seus habitantes.

"Nótase que Pontevedra é distinta e correspóndese ao que nós esperamos e propoñemos desde hai anos, unha cidade para os nenos", sinalou o experto italiano, que mantivo este mércores unha reunión con técnicos municipais para que a comitiva transalpina comece a familiarizarse coa filosofía do modelo urbano pontevedrés.

Neste sentido, Tonucci destacou que en Pontevedra "respéctase aos peóns", aos que se lles consideran os "donos" da cidade e outórgaselles prioridade en todos os espazos públicos. Así, lembrou que "o peón máis peón é o neno" e mentres que os adultos "ás veces conducimos", os máis pequenos "son peóns e nada máis", polo que subliñou que unha cidade que "non é adecuada" para os peóns "exclúeos".

A delegación italiana, tras ser recibida polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou tamén este mércores unha visita a pé pola cidade para comprobar o resultado da reforma urbana.

Ademais, nas próximas horas tamén está previsto que os alcaldes e concelleiros italianos comproben o funcionamento dos camiños escolares, postos en marcha para potenciar a autonomía dos nenos e que poidan ir andando sós ao colexio, así como os esforzos pola creación de núcleos de centralidade parroquial no rural.