Pontevedra, na boca de todos

Pontevedra
04 de decembro 2016

Non só os pontevedreses e os turistas falan marabillas de Pontevedra. Persoas de renome, moi coñecidas para o gran público, foron seducidas pola nosa cidade. Actores, deportistas, políticos, xornalistas, modelos... foron moitos os que deixaron constancia -a través de entrevistas ou das súas propias redes sociais- da pegada que lles deixou a Boa Vila

Vista aérea da cidade de Pontevedra
Vista aérea da cidade de Pontevedra /

Pontevedra está na fala de todos. Iso é innegable. O seu modelo urbano é todo un referente internacional. Proba diso son os premios que, nos últimos anos, recibiu en Bruxelas, Dubái, Hong Kong ou Nova York. A calidade de vida da cidade é celebrada polos pontevedreses e alabada por todos os visitantes que veñen á capital das Rías Baixas.

Este é xa un dos principais motivos polos que nos visitan miles de persoas cada ano. Demóstrano as enquisas que se realizan aos turistas que acoden a Pontevedra. Así, o modelo urbano comparte un protagonismo cada vez maior co centro histórico ou a gastronomía como reclamo turístico da cidade. 

Pero non só os turistas falan marabillas de Pontevedra. Persoas de renome, moi coñecidas para o gran público, foron seducidas pola nosa cidade. Actores, deportistas, políticos, xornalistas, modelos... foron moitos os que deixaron constancia -a través de entrevistas ou das súas propias redes sociais- da pegada que lles deixou a Boa Vila.

Desde entón, actúan como prescriptores de Pontevedra cada vez que teñen ocasión. E non é algo desdeñable. Son persoas que contan con centos de miles de seguidores e unha mínima recomendación pola súa banda pode supoñer un impulso máis para o posicionamento da cidade como destino turístico. E si, a maioría deles, tamén encomian o modelo urbano.

Unha das máis entusiastas foi a xornalista Julia Otero. Non só desde o seu programa en Onda Cero, tamén nunha entrevista con PontevedraViva. "Leveime unha alegría porque me atopei unha cidade espléndida e moi bonita", dixo. Tras anos sen visitala, aseguraba que "da Pontevedra que lembraba á que vin hoxe, o cambio é extraordinario".

Luis del Olmo, outra das grandes voces radiofónicas, é un dos que descubriu Pontevedra hai pouco tempo. "Dixen meu Deus, por que non a tiven coñecido antes", explicou nunha entrevista. Tan entusiasmado quedou coa súa visita e co seu modelo urbano que afirmou que "se Pontevedra non é Patrimonio da Humanidade non hai dereito a que non o sexa".

Outra xornalista de renome, a madrileña Nieves Herrero, visitaba Pontevedra por primeira vez para presentar a súa novela. E antes de reunirse cos seus lectores, recoñecía ter visitado Pontevedra. "Encantoume", explicaba a PontevedraViva. "Gustoume moitísimo", dixo, sobre todo as áreas peonís "polas que se pode pasear, porque hai moita vida".

Tamén a veterana Rosa María Calaf destacou na súa última visita a Pontevedra os cambios que experimentou a cidade. "A verdade é que está todo moi bonito. Toda a zona peonil pareceume preciosa", recoñecía. Ou o escritor Maxim Huerta: "Encántame Pontevedra. Estiven aquí varias veces, en casa de amigos, e cada vez véxoa mellor".

O videoblogueiro arxentino Diego Pons, toda unha sensación en Youtube -con máis de 50.000 seguidores-, dedicou un dos seus vídeos a Pontevedra. Durante a súa estancia destacou que "encantoume e sorprendeume que sexa tan peonil" e que nos últimos anos "vinlle un cambio moi bonito", algo que lle agrada máis, recoñeceu, ao vivir nunha cidade como Madrid.

Javier Gómez Noya: "ir por diante nunha carreira é semellante ao que fai Pontevedra no mundo"

Desde o mundo da televisión, o presentador Ramón García tamén redescubriu as bondades do modelo pontevedrés nunha recente visita. "Facía igual 20 anos que non viña e a verdade é que me atopei unha cidade moi cambiada, unha cidade máis para andar. Gustoume moito como está Pontevedra", afirmou no seu día.

Voces da política tamén reflexionaron sobre a nosa cidade. O ex ministro francés, Jean-Pierre Raffarin, chegou a afirmar que "os meus amigos de Pontevedra teñen un mérito supremo por entender que a mobilidade debe ser un elemento estratéxico nas cidades intelixentes" e celebrou a súa visión "moi humana" do que debe ser un municipio.

Da música tamén chegaron eloxios a Pontevedra. Como os de Davide Salvado, unha das voces máis importantes da música tradicional galega. "Estou moi contento con esta cidade. Encántame como está a evolucionar", destacou na presentación do seu disco. "Nótase cando nos que mandan hai unha certa sensibilidade co noso".

Iso si. Ningún deles, desde logo, está tan entregado como Javier Gómez Noya. O mellor triatleta de todos os tempos é un namorado de Pontevedra, onde adestra e reside desde hai anos. Alá onde vai fala marabillas da cidade. Tamén cando está nela. Entre outras, ao dar o pregón das festas: "ir por diante nunha carreira é semellante ao que fai Pontevedra no mundo".