Na bienal "Cidades en Transición" de Grenoble falarase da "desautoxicación" de Pontevedra

Pontevedra
08 de marzo 2017

O encontro aborda as cidades como actores claves cara unha sociedade sostible, respectuosa, igualitaria e solidaria

Cidade francesa de Grenoble
Cidade francesa de Grenoble / Olivier Duquesne

Pontevedra será unha das vinte cidades non francesas convidadas á bienal de Grenoble: Cidades en Transición, que se desenvolverá do 9 ao 12 de marzo.

Dende o Concello de Pontevedra informaron que o alcalde de Grenoble, Éric Piolle, entende que a presenza da cidade de Lérez neste amplo foro de debate poderá ser "tan enriquecedor como inspirador para futuras iniciativas que perseguen abordar os retos medioambientais urbanos".

Xunto a Pontevedra exporán as súas experiencias cidades como Essen (Alemaña), Villeray (Quebec-Canadá), Guadalajara (México), Sfax (Túnez), Totnes (Inglaterra), Cascais (Portugal), Vancouver (Canadá), Oxford (Inglaterra), Suzhou (China), Quito (Ecuador), Valonia (Bélxica) ou Uagadugú (Burkina-Faso).

Ao longo de catro días Grenoble acollerá un amplo programa de actividades: seminarios, mesas redondas, exposicións, obradoiros, actividades na rúa... co obxectivo de debater sobre o futuro das cidades.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, que viaxa acompañado polo enxeñeiro xefe, Jesús Gómez Viñas, participará como ponente nunha mesa redonda "Transición medio ambiental: da emerxencia ao bo-vivir" que se desenvolverá o venres 10 de marzo, de 14 a 15.30 horas no Museo de Grenoble. Tamén asistirá e participará dun xeito activo noutras mesas redondas da mañá nas que se debaterá sobre os protagonistas da cidade, economía, solidariedade...

No seu relatorio o alcalde falará da peonalización, a implantación da velocidade 20-30 quilómetros por hora, e dos "beneficios cuantificables" no eido social, económico e tamén ambiental que ten a "desautoxicación" da cidade.