Andorra, Grenoble e Sète, interesadas no modelo de cidade de Pontevedra

Pontevedra
22 de xaneiro 2017

A Alcaldía mantén contacto con tres institucións para fixar visitas á cidade ou participar en conferencias no primeiro trimestre do ano. Pontevedra tamén estará presente a finais de abril no I Congreso Iberoamericano para Policías pola seguridade e a educación viaria

Grenoble
Grenoble

O Goberno de Andorra a Vella e as localidades francesas de Grenoble e Sète mostraron o seu interese por coñecer o modelo urbano de Pontevedra. A elas que hai que sumar a participación de representantes do Concello no I Congreso Iberoamericano para policías pola seguridade e a educación viaria ao que foi convidado o municipio.

A consol maior Conxita Marsol do goberno de Andorra enviaba o 10 de xaneiro unha carta ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para solicitarlle unha entrevista tanto con el como cos responsables políticos de mobilidade e cos técnicos municipais para abordar o modelo urbano. Andorra a Vella atópase na elaboración dun plan de xestión integral de mobilidade e, sinala, nas súas consultas sempre xurdiu o exemplo de Pontevedra como modelo de referencia.

O 17 de xaneiro,o alcalde de Grenoble convidaba a Pontevedra a participar na Bienal das Cidades en Transición, onde se aborda a problemática ambiental das cidades. Celebrarase entre o 9 e o 12 de marzo na localidade francesa. Na invitación, Éric Piolle, maire de Grenoble, afirma que o éxito do proxecto "Pontevedra peonil" pode enriquecer outras iniciativas para abordar retos ambientais urbanos.

A comarca de "Thao agglo", unha conurbación de Sète, localidade do sur de Francia, que conta con 94.000 habitantes, tamén se puxo en contacto con Pontevedra para fixar unha data de visita para coñecer as experiencias pontevedresas, así llo manifestaba o presidente do Conseil de Développement de Thay agglomération, Jean Guy Majourel na carta remitida ao Concello.

Ademais, Pontevedra tamén estará presente no I Congreso Iberoamericano para Policías pola seguridade e a educación viaria que se celebrará os días 27 e 28 de abril en Puente Genil.

A cidade do Lérez será protagonista do II Panel das xornadas coa intervención de Fernández Lores, o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, que compartirán mesa coas policías locais de Coria e Mairena de Aljarafe. Prevese que o pedagogo Francesco Tonucci acuda a esta cita.