O Centro para o Deseño Activo, a axencia estadounidense que en 2015 premiou o modelo urbano de Pontevedra, volveu fixarse na cidade do Lérez. Neste caso, a petición do goberno da cidade de Nova Orleans, que ve no caso pontevedrés un referente para seguir para rehabilitar o seu centro histórico, o coñecido como barrio francés.
A través dun correo electrónico, remitido o pasado mércores pola directora executiva deste organismo -fundado polo ex alcalde de Nova York, Michael Bloomberg-, a axencia informa ao Concello que Pontevedra foi elixida como exemplo para explorar o modelo peonil que se quere implantar en Nova Orleans.
En concreto, os dirixentes da cidade sureña dirixíronse ao Centro para o Deseño Activo en busca de referencias para rehabilitar o denominado "French Quarter", o corazón da vida cultural da cidade. Trátase do antigo barrio dos criollos franceses, os descendentes dos escravos africanos, francófonos de nacemento, que chegaron no seu día a Estados Unidos.
O proxecto enmárcase dentro do programa global para rehabilitar a cidade, tras as desfeitas que ocasionou o furacán Katrina en 2005.
No correo remitido por esta axencia estadounidense, Suzanne Nienaber explica que Nova Orleans decidiu peonalizar parcialmente este barrio francés e o Centro para o Deseño Activo suxeriulles que Pontevedra sería un "excelente modelo de referencia". Ademais, preguntan se a cidade do Lérez estaría interesada en colaborar neste proceso.
A resposta do Concello foi afirmativa. Desde o goberno municipal, por orde do alcalde, aseguraron que estarán "encantados" de explicar aos representantes de Nova Orleans todo o proceso de transformación que se seguiu en Pontevedra. Por agora, non se especificou como se materializarán estes contactos.