Un dos principais viais do barrio de Monte Porreiro, a rúa Alemaña, pasará a ser peonil. Así o anunciou o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, que explicou que se creará na zona unha gran praza central que terá o tamaño da Ferrería.
O Concello quere situar en pleno centro de Monte Porreiro esta gran praza de máis de 2.000 metros cadrados que, cun estilo similar á Praza do Hospital, se converta no espazo de convivencia do que carece actualmente este barrio debido á súa configuración histórica.
Nesta actuación, investiranse uns 997.000 euros. A intención do goberno municipal é que as obras comecen xa este mesmo ano. Antes, en todo caso, o proxecto poderá sufrir modificacións coas suxerencias que realicen os propios veciños.
Esta iniciativa supoñerá a reforma integral das rúas Alemaña e Grecia, segundo detallou Gómez, co obxectivo de gañar espazo peonil, reforzar a seguridade viaria no barrio e aumentar a calidade urbana neste ámbito central de Monte Porreiro.
En concreto, a rúa Alemaña -entre as rúas Cambria e Portugal- converterase nun gran espazo peonil que terá mobiliario e iluminación deseñada especificamente para esta actuación. A gran praza, no centro da rúa, terá un pavimento diferenciado.
Na rúa Grecia, pola súa banda, habilitarase un paso de circulación para os vehículos, que quedará unicamente en sentido de subida ao barrio, desde a ponte de Lérez cara a Mourente. Ao chegar ao cruzamento final da rúa, os coches deberán virar obrigatoriamente cara á rúa Italia.
A parte peonil tamén levará un pavimento diferente e contémplanse dúas cruces a nivel, un na intersección das rúas Alemaña e Grecia e outro diante do colexio.
Esta reforma integral implicará un cambio no tráfico do barrio, quedando só para uso de residentes e servizos o futuro tramo peonil de Alemaña, podendo acceder aos garaxes desde ambos os extremos da rúa.
O tráfico de paso entre Mourente e Lérez deberá circular polo eixo que forman as rúas Holanda, Dinamarca e Francia. As dúas primeiras, que ata o de agora teñen sentido único, pasarán a ter dobre dirección de circulación, avanzaron desde o goberno municipal.