A rúa Alfonso XIII pechará ao tráfico para converterse no patio do colexio Froebel durante o horario de recreo

Pontevedra
25 de setembro 2020

A decisión xa está tomada, pero aínda non ten data de entrada en vigor, pois antes o colexio deberá pedir a medida á Consellería de Educación e desde a Xunta trasladar a petición de xeito formal ao Concello. Durante tres cuartos de hora non poderá circular por ningún vehículo, tampouco os dos residentes que queiran acceder aos seus garaxes

Rúa Alfonso XIII, que pechará ao tráfico
Rúa Alfonso XIII, que pechará ao tráfico / Mónica Patxot

O colexio Froebel utilizará a rúa Alfonso XIII como patio durante o horario de recreo, 45 minutos diarios entre as 11.30 e as 12.15 horas. Para facelo posible, o Concello cortará ao tráfico a rúa. O corte será completo en toda a rúa de forma permanente e, durante esa hora do recreo, será aínda máis restritivo e non poderán circular tampouco os residentes. 

Así o anunciou este venres en rolda de prensa o concelleiro de Obras Urbanas de Pontevedra, Demetrio Gómez, que explicou que con esta medida o Concello busca favorecer que o alumnado conte cun espazo para poder saír ao aire libre durante o recreo

Segundo explicou, a decisión adoptouse despois de que tiveran constancia de que, desde o inicio do actual curso escolar, había escolares que non podían saír ao recreo por non ter espazo suficiente adaptado ás necesidades derivadas da pandemia da Covid-19 e pasan cinco horas seguidas dentro da aula. 

A decisión xa está tomada, pero aínda non ten data de entrada en vigor, pois antes o colexio deberá pedir a medida á Consellería de Educación e desde a Xunta trasladar a petición de xeito formal ao Concello. Son trámites administrativos necesarios segundo os protocolos establecidos entre administracións. 

O  Concello pechará ao tráfico toda a rúa e será peonil, pero con acceso aos residentes para que poidan acceder aos seus garaxes. Con todo, durante os tres cuartos de hora do recreo non poderá circular por ela ningún vehículo, tampouco os que vaian aos garaxes.  

Para poder facer realidade esta medida, os residentes na rúa terán que acceder aos seus garaxes a través da rúa Echegarai, de maneira que será necesario establecer un dobre sentido de circulación en Alfonso XIII e eliminarase a zona de aparcadoiro de servizos.

Demetrio Gómez mantivo unha reunión coa dirección do colexio e tivo coñecemento desta circunstancia, que asegura que afecta a máis centros educativos de Pontevedra. A todos eles, ofreceulles a axuda municipal para buscar solucións que permitan garantir que os nenos poidan ir ao recreo con condicións de seguridade, como pasará no Froebel ou como a xa adoptada no colexio de Barcelos. 

"Nos colexios están tomando medidas realmente moi radicais que afectan ao ensino, á educación, ao traballo dos mestres e tamén ao desenvolvemento das crianzas", sinalou Demetrio, que cre que son "moi graves" as limitacións que afectan aos xogos dos nenos e os deixan sen recreo. 

CORTE DE RAÍÑA VITORIA

O concelleiro de Obras Urbanas tamén fixo balance este venres dos dous primeiros días de entrada en vigor do peche ao tráfico de Raíña Vitoria para facilitar o acceso e o recreo ao IES Sánchez Cantón e asegurou que a medida funciona "correctísimamente" e "non hai ningún problema"

Así, sostivo que a Policía Local tan só tivo constancia de pequenas retencións ao mediodía, sobre as dúas da tarde, na rúa Manuel del Palacio e atribúeas a que o xoves a esas horas estaba a chover e nos días de choiva adoitan producirse máis retencións. 

"A medida está ben tomada e está funcionando ben", asegurou Demetrio Gómez, que tamén anunciou que nos próximos días o Concello cambiará o sentido de circulación do tráfico no treito da rúa Palamios que sae cara á rúa Rosalía de Castro a petición da veciñanza da contorna.