Só os residentes poderán circular por Alfonso XIII, que pasará a ser o patio de recreo das Doroteas e o Froébel

Pontevedra
29 de setembro 2020

Durante os recreos ningún vehículo poderá acceder a esta rúa, que será de uso exclusivo para a comunidade educativa

Rúa Alfonso XIII
Rúa Alfonso XIII / Mónica Patxot

O inicio do curso escolar segue xerando cambios na mobilidade e nas rúas de Pontevedra. Despois de cortar ao tráfico a rúa Reina Vitoria para facilitar a entrada de alumnos con seguridade no IES Sánchez Cantón, o Concello pechará a rúa Alfonso XIII para facilitar a planificación dos horarios nos colexios Doroteas e Froébel.

O tráfico nesta rúa xa era moi reducido, pero agora quedará reducido exclusivamente para residentes, que só poderán entrar á rúa por Echegaray e terán que saír cara á rotonda da Ponte da Barca porque no outro extremo da vía, no cruzamento coa praza de Concepción Arenal, instalaranse uns bolardos para evitar que os condutores accedan á rúa por equivocación.

Non será a única restrición que sufrirá esta céntrica rúa. Dadas as limitacións de espazo dos colexios das Doroteas e o Froébel, que carecen dun patio de recreo suficientemente amplo para garantir a seguridade dos grupos burbulla cos que iniciou o curso para previr contaxios por coronavirus, o Concello cederá esta rúa para uso exclusivo dos centros educativos durante os recreos. Deste xeito, ningún coche poderá entrar nin saír da rúa durante estes períodos, explicou o concelleiro de Mobilidade do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, este martes á conclusión da Comisión de Mobilidade na que se informou deste asunto.

Tamén se referiu o edil á situación de Raíña Vitoria, pechada completamente ao tráfico desde o pasado xoves. Na contorna do Sánchez Cantón, o Concello tiña previsto realizar un estudo dos fluxos de tráfico rodado e peonil para planificar unha reforma urbana. A análise ía comezar o 14 de marzo, pero o confinamento e logo o verán pospuxo os plans do goberno local, decidido a retomalo agora analizando os movementos de coches nos arredores porque por diante do instituto non poderán pasar, polo menos, durante o presente curso académico.

A decisión de cortar esta rúa foi interpretada polo Partido Popular de Poio como un primeiro paso para limitar a circulación na ponte da Barca. Algo que Gómez descartou. "O PP parécese cada vez máis a Trump", declarou o edil para deixar claro que "non hai ningún plan oculto. É por dar espazo aos intitutos", rematou.