As responsables da aula Castelao de Filosofía presentaron este martes ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a edición número 35 da Semana Galega de Filosofía que terá como título "Filosofía e o Común".
Esta cita cultural desenvolverase no Teatro Principal de Pontevedra entre os días 2 e 6 de abril de 2018.
A programación da Semana Galega de Filosofía será presentada ao público o vindeiro venres día 23, pero este martes Ana Regueira e Montse Bragado, da aula Castelao, fixeron un avance ao alcalde desvelando que un dos relatores invitados será César Rendueles, filósofo e profesor de socioloxía, experto en filosofía política e xestión cultural, que ofrecerá a súa visión acerca dos bens comúns e a sociedade contemporánea.
Tamén contarán con Pablo Carpinteiro, investigador e musicólogo, que traballou no proxecto Ronsel da Universidade de Vigo para a recuperación do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia. Anuncian que será unha intervención cun carácter "moi didáctico".
Ana Regueira xustificou a temática de "o común, a comunidade, o público, o colectivo" elixida nesta ocasión "para facer unha reivindicación da historia da aula" que "naceu como un foro aberto" que pretendía "crear país".
"Estamos a vivir unha época moi dura na que a xente parece estar desmoralizada"
Ademais os organizadores da Semana, segundo explicou Ana Regueira, consideran que "estamos a vivir unha época moi dura na que a xente parece estar desmoralizada" polo que expuxeron unha edición "en positivo" para destacar que "hai outras opcións, outras alternativas" ao capitalismo que "nos está levando á debacle" e que hai moitas persoas que están "a traballar para rexenerar esta sociedade" nunha aposta clara por "traballar conxuntamente" recuperando o colectivo.
Fernández Lores mostrouse convencido de que o tema elixido "está enmarcado dentro da nosa política municipal" e fixo alusión ao modelo urbano "dunha cidade pensada para as persoas" co obxectivo da "recuperación do espazo público" para fomentar a "cohesión e participación social".
A Semana Galega de Filosofía estruturarase conforme ao modelo xa coñecido de sesións teóricas pola mañá centradas no público especializado, as tardes dedicadas a analizar a realidade específica de Galicia e as noites cun carácter divulgativo.
Un ano máis este evento ten un carácter gratuíto e aberto, estando homologadas pola Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia.