A subdelegada do Goberno en Pontevedra recibe a representantes do sindicato Unión Federal de Policía

Pontevedra
04 de abril 2017
Actualizado: 17:06

Durante a xuntanza trataron asuntos relativos á seguridade en Pontevedra e escoitou as peticións do sindicato sobre o número de efectivos nas comisarías da provincia

Reunión da subdelegada do Goberno, Ana Ortiz con representantes da UFP
Reunión da subdelegada do Goberno, Ana Ortiz con representantes da UFP / Subdelegación de Gobierno

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, mantivo este martes unha reunión co sindicato Unión Federal de Policía (UFP), atendendo a unha solicitude da agrupación. Á mesma asistiron o seu secretario provincial, Carlos Rodríguez, o secretario de Acción Sindical e Comunicación en Galicia, Agustín Vigo, e o secretario de Riscos Laborais, Alberto Romero.

Durante a mesma trataron asuntos relativos á seguridade en Pontevedra e escoitou as peticións do sindicato sobre o número de efectivos nas comisarías da provincia.

Os portavoces da UFP agradeceron o "ambiente de interese e preocupación" por parte da subdelegada á que "trasladámoslle que na situación actual, as solucións non poden esperar".

Os sindicalistas pediron a creación dunha unidade de Prevención e Reacción con sede en Pontevedra para paliar polo menos aquelas situacións de grandes concentracións de actos ou festas que necesiten un reforzo policial e reforzar de forma cotiá os servizos policiais diarios.

Ademais insistiron na "maior urxencia" no envio de policías en prácticas "para tapar dalgunha maneira as fochas do día a día na nosa provincia".

Tamén solicitaron a "implicación" da administración para conseguir un complemento de territorialidade para os policías da nosa provincia que xa gozan outros planteis policiais de España e que ante a "gran sobrecarga de traballo que soportamos" debido á falta de efectivos "está máis que xustificado".

Outras peticións foron chalecos de protección individual, melloras das instalacións de Salvaterra e Tui, a condecoración a dous axentes feridos nunha intervención en Vilagarcía a pasado fin de semana e alertaron da situación da comisarías de Pontevedra, Marín e Vigo.