A chegada da tempada estival impulsou o notable descenso das listas de demandantes de emprego en toda a comarca. Máis acentuado foi naquelas localidades máis vinculadas co turismo como Sanxenxo, O Grove, Cambados, Marín ou Poio, pero tamén a capital da provincia rexistrou un descenso importante.
Segundo reflicten os datos que desvelou a Consellería de Economía, Emprego e Industria, 316 persoas atoparon traballo en xullo na cidade de Pontevedra. Así, as listas dos servizos públicos de emprego inclúen actualmente a 5.375 pontevedreses, un 5,55% menos que en xuño.
| Xullo | Xuño | Variación | |
| Pontevedra | 5.375 | 5.691 | -316 |
| Barro | 250 | 255 | -5 |
| Bueu | 643 | 726 | -83 |
| Caldas de Reis | 629 | 767 | -138 |
| Cambados | 851 | 949 | -98 |
| Campo Lameiro | 129 | 137 | -8 |
| Cerdedo-Cotobade | 309 | 336 | -27 |
| Cuntis | 292 | 310 | -18 |
| O Grove | 522 | 645 | -123 |
| A Illa de Arousa | 230 | 274 | -44 |
| A Lama | 148 | 154 | -6 |
| Marín | 1.463 | 1.581 | -118 |
| Meaño | 232 | 283 | -51 |
| Meis | 290 | 305 | -15 |
| Moraña | 278 | 295 | -17 |
| Poio | 929 | 1.022 | -97 |
| Ponte Caldelas | 461 | 477 | -16 |
| Portas | 180 | 197 | -17 |
| Ribadumia | 271 | 303 | -32 |
| Sanxenxo | 674 | 836 | -162 |
| Vilaboa | 371 | 401 | -30 |
| Vilagarcía de Arousa | 3.037 | 3.320 | -283 |
| Vilanova de Arousa | 677 | 731 | -54 |
DATOS PROVINCIAIS
Galicia é a comunidade autónoma na que máis descendeu o número de persoas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego, sendo Pontevedra a provincia que encabeza a lista a nivel autonómico.
Os datos provinciais arroxan un descenso do paro en 2.885 persoas con respecto ao mes anterior, impulsado principalmente polas contratacións estivais no sector servizos, xa que é no sector no que descende con maior forza (1.953 persoas).
Desta forma Pontevedra conta na actualidade con 62.956 desempregados, o que supón un descenso á súa vez de 8.694 persoas con respecto ao mesmo mes do pasado ano.
En canto aos rexistros a nivel autonómico, Galicia pechou o mes de xullo con 6.653 parados menos para un total de 163.412 persoas, un 10,15% menos que en xullo de 2017 ou o que é o mesmo 18.459 desempregados menos.