A Troita de Ponte Caldelas tamén se pon a máscara

Ponte Caldelas
22 de maio 2020

Trátase dunha campaña do goberno local para concienciar a poboación da necesidade de cumprir coas recomendacións sanitarias para previr novos contaxios por  Covid-19

Colocan unha máscara á escultura da Troita de Ponte Caldelas
Colocan unha máscara á escultura da Troita de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

A escultura da Troita, símbolo de Ponte Caldelas, loce desde este venres unha máscara negra como a que o Concello entregou de xeito gratuito a todos os veciños. O obxectivo é concienciar á poboación sobre a importancia do seu uso de máscara para protexerse contra o Covid-19.

“Esta é unha acción simbólica a través da cal que queremos concienciar á veciñanza da importancia de protexerse persoalmente para que toda a poboación estea protexida. Do mesmo xeito que no Nadal a Troita loce un gorro de Papá Noel, agora protéxese cunha máscara para axudar a transmitir a mensaxe do importante que é o seu uso e a obrigatoriedade de empregala”, indica o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.

A peza, de grandes dimensións, foi elaborada por unha das trinta costureiras voluntarias que tamén participou na confección das máscaras para todas a poboación de Ponte Caldelas e que foron repartidas porta a porta polo Concello.