A última fase das obras no colexio Froebel terá que seguir agardando

Pontevedra
22 de abril 2015

Representantes da asociación de nais e pais do colexio Froebel mantiveron unha xuntanza co xefe territorial de Educación, César Pérez, no edificio da Xunta de Galicia para reclamar información sobre cando se acometerán as obras que están pendentes no centro

Xuntanza de representantes da ANPA do colexio Froebel
Xuntanza de representantes da ANPA do colexio Froebel / Mónica Patxot

Representantes da Asociación de Nais e Pais de alumnos e o director do colexio Froebel mantiveron unha reunión co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, para coñecer cando finalizará a reforma integral do centro educativo despois de que as obras leven dous anos paradas.

Os pais mostraron a súa decepción ao termo do encontro celebrado na Delegación da Xunta porque o responsable de Educación non puxo data ao momento en que se realizarán as obras pertencentes á fase C, que levan consigo a reparación do último tramo da cuberta que afecta á fachada de Concepción Areal e á parte que cobre o patio.

César Pérez, segundo indicou o director do centro, Manuel Carpintero, apuntou que a fase B, que estaba prevista para o verán de 2014, se levará a cabo entre finais de 2015 e 2016. Estas obras levan consigo o remate das obras de carpintaría, o cambio de ventás e o arranxo de armarios.

Pero tantos estes traballos como os da última fase, segundo explicou o responsable de Educación aos representantes da ANPA, non resultan prioritarios. Segundo os expuxo César Pérez, agora os principais investimentos estanse a destinar aos centros de formación profesional e sinalou que o orzamento das obras da fase C ascende a un millón de euros. O xefe territorial visitou, antes da xuntanza, as instalacións, segundo apuntou Manuel Carpintero.

Dende a ANPA anuncian que manterán unha reunión con todos os pais para decidir se inician un calendario de protestas ou se esperan a que se cumpran coas promesas da execución das obras.

En 2010 derrumbáranse planchas do falso teito en dúas aulas do CEIP Froebel durante a clase e, dende aquela, os pais veñen manifestando o seu malestar porque, en época de chuvias, entra auga nalgúns espazos do centro.