Rafael Cotelo Pazos, coordinador de Extensión Universitaria e de Actividades da UNED en Pontevedra, mantiña este xoves un encontro con Ander Gil García, presidente do Senado. Esta reunión producíase durante os actos conmemorativos do 50º aniversario da creación da UNED en España, un evento celebrado no Antigo Salón de Sesións da Cámara Alta, en Madrid.
Nesta entrevista, Cotelo trasladou a invitación persoal do director do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, Víctor M. González Sánchez, e do equipo directivo para que Gil García asista durante 2023 aos actos de celebración do medio século de existencia deste Centro Asociado da Universidade a Distancia, que ten a súa sede en Monte Porreiro.
O presidente do Senado manifestou a Cotelo Pazos a súa mellor disposición para asistir a estes actos conmemorativos sempre condicionado á axenda institucional, marcada polas sesións plenarias da Cámara Alta. Ademais, Ander Gil García, docente de profesión, mostrábase moi interesado polo labor que desenvolve a UNED en Pontevedra e defendeu durante este encontro o acceso á educación como un dos dereitos fundamentais das persoas.
Tamén encomiou o traballo que ao longo de cincuenta anos desenvolve a Universidade a Distancia en España e destacou o labor emprendido polo Centro Asociado en Pontevedra destacando o seu dinamismo, número de estudantes e capacidade organizativa.
Ante estas palabras, Rafael Cotelo amosou o seu agradecemento e trasladou ao presidente do Senado que se manterá ao dispor do seu gabinete para coordinar datas e horarios coa intención de poder contar, o próximo ano, coa presenza do presidente do Senado en Pontevedra para outorgar maior apoio institucional e realce ao evento do 50 aniversario da fundación da UNED en Pontevedra.