A Universidade creará unha nova facultade en Pontevedra unicamente para o grao en Deseño e Creación

Pontevedra
12 de xuño 2019

A universidade optará polo "nomeamento dun decano comisario" e a creación dunha nova facultade "que terá inicialmente esta titulación como única oferta", segundo explicou o reitor Manuel Reigosa

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo Universidade de Vigo

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, referiuse este mércores en Pontevedra aos traballos para a implantación no campus de Pontevedra do grao en Deseño e Creación no curso 2020/2021, despois de que a Xunta de Facultade de Belas Artes rexeitase a memoria da titulación.

Explicou que a Universidade optará polo "nomeamento dun decano comisario" e a creación dunha nova facultade "que terá inicialmente esta titulación como única oferta".

"Esperamos que en setembro finalicemos o procedemento", indicou Reigosa, que descarta construír un novo edificio e opta porque as clases se impartan en Ciencias Sociais ou Forestais, onde hai espazo.

O reitor subliñou que se trata dun grao "que encaixa como unha luva" dentro do Campus Crea e incidiu tamén en que a institución académica atópase "traballando intensamente" para someter o proxecto de especialización aos procesos de avaliación.