A veciñanza coñece o proxecto da nova praza de Cerponzóns

Pontevedra
18 de maio 2017

Os concelleiros Demetrio Gómez e Pilar Comesaña presentaron o proxecto do novo núcleo de centralidade de Cerponzóns ao Consello parroquial dando cumprimento ao compromiso de darlles a coñecer a actuación antes da contratación da obra

Consello parroquial de Cerponzóns
Consello parroquial de Cerponzóns / Concello de Pontevedra

Os concelleiros Demetrio Gómez e Pilar Comesaña presentaron o proxecto do novo núcleo de centralidade de Cerponzóns ao Consello parroquial, dando cumprimento ao compromiso de darlles a coñecer a actuación antes da contratación da obra.

Segundo trasladan dende o Concello de Pontevedra as necesidades e as liñas xerais do proxecto foran faladas cos representantes veciñais e as súas suxestións están reflectidas no deseño presentado.

Estas mesmas fontes aseguran que a veciñanza acolleu dun xeito "moi positivo" a proposta que reordenará o espazo arredor do centro social e creará unha nova praza, seguindo os estándares de calidade que definen o modelo Pontevedra.

O proxecto está listo para contratación mais faltaba a presentación comprometida diante dos veciños aberta a suxestións de última hora.

A actuación proxectada en Cerponzóns é "a posta en práctica do modelo Pontevedra", subliñaron os concelleiros e amosa como "pouco a pouco vaise universalizando por todo o concello, no centro mais tamén nos barrios e parroquias". 

Crearase unha praza no entorno do centro social con eliminación de barreiras, novo arborado, e mellora do parque infantil. Poranse medidas de calmado de tráfico o que inclúe o confinado do tránsito de vehículos no estremo do núcleo de centralidade con sentido único de circulación, con barreiras e calmado con lombos.

A obra ten previsto un orzamento de 219.625,49 euros.