Continúa a secuencia de mortes relacionadas coa infección do virus pandémico na área sanitaria durante esta semana. A Consellería de Sanidade notificaba este mércores 22 a morte dun home de 90 anos de idade no Hospital Montecelo pertencente ao Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. O paciente contaba con outras enfermidades no seu expediente clínico.
As últimas mortes rexistradas na área notificábanse na xornada do martes e tamén se trataba de dous homes nonaxenarios, que perdían a vida no Hospital Montecelo e no Hospital do Salnés. Co falecemento notificado este mércores, o número de vítimas desde o inicio da pandemia elévase a 221 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
Desde que se puxo en marcha o plan de continxencia pola covid-19 se curaron 22.647 persoas, 112 máis que onte, segundo os datos facilitados pola xerencia da área.
GALICIA
Á morte en Pontevedra hai que sumar outras tres notificadas por Sanidade nesta xornada. Unha delas, tamén se producía na provincia de Pontevedra. Trátase dunha muller de 66 anos, que falecía no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo sen contar con patoloxías previas no seu historial.
Tamén perdía a vida un home, de 69 anos, no Hospital Lucus Augusti de Lugo e outro de 91 anos no Complexo Hospitalario da Coruña. Nestes casos contaban con outras enfermidades nos seus historiais médicos.
Con estas cifras, o número de mortes con covid en Galicia ascende a 2.739 vítimas desde que se notifican os falecementos derivados desta enfermidade polas autoridades sanitarias.