A voltas cos lodos previstos na dragaxe do Lérez

Pontevedra
30 de setembro 2019

O grupo parlamentario socialista, a través de Patricia Vilán, reclama á Xunta de Galicia que deixe de despositar lodos da ría de Pontevedra na Illa de Sálvora. Desde a administración autonómica indícase que os áridos previstos na dragaxe do Lérez son inocuos e non se poden cualificar como "lodos"

Avenida das Corvaceiras. Ría de Pontevedra
Avenida das Corvaceiras. Ría de Pontevedra / Mónica Patxot

A parlamentaria socialista Patricia Vilán esixiu ao goberno da Xunta que paralice o depósito de lodos do río Lérez e do fondo da Ría de Pontevedra na Illa de Sálvora.

Vilán afirma que no últimos dez anos acumuláronse nesa zona protexida ao redor de dous millóns de metros cúbicos de residuos. Indica que os lodos dragados están a situarse nunha zona de especial protección dos valores naturais, de especial conservación, de especial protección para as aves e un ben de interese cultural como paisaxe protexida.

Desde o PSOE, a través dunha pregunta en comisión parlamentaria, traslada a preocupación veciñal dos patróns maiores da ría de Arousa derivada da "montaña de sedimentos" que xa existe e temen a presenza de elementos contaminantes dada a orixe urbana e industrial dos lodos que se trasladarían desde Pontevedra.

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Linguas, afirmou no Parlamento que as análises realizadas aos áridos que se van a extraer do río Lérez demostran que son inocuos, e que non conteñen carga contaminante. Por este motivo, indica que a actuación non contempla impacto desde o punto de vista medio ambiental.

Sostén que todo o proceso administrativo cumpre estritamente coas normativas vixentes, tanto de carácter nacional como internacional. E desde a Xunta lembran que a decisión de dragar a ría de Pontevedra procede dunha petición do sector pesqueiro e marisqueiro para poder realizar o seu labor extractivo.

Desde o Executivo galego indican que se retirarán áridos e non lodos, tal e como recoñece o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Lembra, tamén, que é o goberno central o que determinan os puntos nos que se poden depositar estes áridos e as condicións en que debe levar a cabo.

A Xunta indica que no caso do Lérez proxectan trasladar estes áridos a un punto habilitado desde 1998, fóra do Parque Nacional das Illas Atlánticas, e sen actividade pesqueira nas súas proximidades. 

Rexeita tamén recorrer a unha planta de tratamento en terra para estes áridos porque iso supoñería multiplicar "de xeito inxustificado" o custo da dragaxe, pasando de 4 millóns de euros a máis de 30, obrigando ademais ao transporte de materiais en máis de 11.000 camións polo centro de Pontevedra.