A WordCamp Pontevedra prevé reunir 300 asistentes na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Pontevedra
08 de setembro 2022

Preto dunha trintena de conferencias e talleres sobre diferentes temáticas relacionadas co desenvolvemento web forman parte do programa dun encontro que incorpora como novidade a organización dun hackaton, no que as e os participantes formaranse en desenvolvemento web á vez que traballan na creación das páxinas de dúas organizacións sen ánimo de lucro

Luis Torres, Emma Torres e Wajari Velásquez Universidade de Vigo

Tras a sinatura dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación WordPress, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación converteuse en 2018 na sede da única WordCamp de Galicia, un evento centrado de contidos de software libre máis utilizado no mundo para a creación de páxinas web, WordPress.

Despois de que a covid-19 obrigase a desenvolver as súas edicións de 2020 e 2021 de xeito virtual, a WordCamp Pontevedra retorna á facultade do campus pontevedrés, onde prevé reunir preto de 300 persoas entre o 23 e 25 de setembro.

Preto dunha trintena de conferencias e talleres sobre diferentes temáticas relacionadas co desenvolvemento web forman parte do programa dun encontro que incorpora como novidade a organización dun hackaton, no que os participantes formaranse en desenvolvemento web á vez que traballan na creación das páxinas de dúas organizacións sen ánimo de lucro.

Promovida por voluntarios da comunidade local de WordPress Pontevedra, coa colaboración da Universidade de Vigo e a Fundación WordPress, o programa desta WordCamp foi presentado este mércores na Casa das Campás por Wajari Velásquez, responsable do comité organizador, Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e Luis Torres, representante da Vicerreitoría do campus.

Para o público xeral, as entradas para asistir a esta WordCamp teñen un prezo de 25 euros, no que se inclúen as comidas e a camiseta conmemorativa, mentres que no caso dos integrantes da comunidade universitaria estas teñen un prezo reducido de 10 euros.