A xerencia dos cinemas de Vialia prometeu, pero non cumpre coa Valedora do Pobo

Pontevedra
30 de xuño 2016

Este xoves, horas despois da nova denuncia de Anedia, desde a oficina da Valedora reiteraron a PontevedraViva que no seu día mantiveron unha xestión informal co xerente e "mostrou total colaboración". O alcalde poñerase en contacto cos responsables dos cinemas co fin de mediar e reiterarlles a petición de que deixen pasar aos nenos con diabete ou con necesidades alimentarias especiais as súas mochilas

Instalacións de Cinexpo en Vialia
Instalacións de Cinexpo en Vialia / Mónica Patxot

As redes sociais 'arden' con críticas contra os responsables dos cinemas de Vialia en Pontevedra pola forma en que actúa ao prohibir a entrada coas súas mochilas a nenos con diabete. É un comportamento reiterado desde hai tempo, pero este mércores volveu suceder con menores da Asociación de Nenos con Diabete de Galicia (Anedia) e as denuncias multiplicáronse.

A atención centrouse na Valedora do Pobo, que hai un mes anunciara que mantivera un contacto coa xerencia do recinto e atopara boa disposición a solucionar este problema. Este xoves, horas despois da nova denuncia de Anedia, desde a oficina da Valedora do Pobo reiteraron a PontevedraViva que no seu día mantiveron unha xestión informal co xerente e "mostrou total colaboración"

Fontes oficiais do Valedor do Pobo explicaron que esta institución non pode realizar unha supervisión directa da actuación dos cinemas porque son unha empresa privada, pero si poden mediar e iso fixeron. Xusto despois de que Anedia les trasladase a súa queixa, falaron co xerente e "mostrou a súa vontade para colaborar". De feito, segundo aseguran, quedaron "moi satisfeitos" coa súa total disposición a colaborar e convencidos de que se poñería fin ao problema e deixarían acceder aos nenos coas súas mochilas  con material hixiénico, sanitario e alimentos específicos que precisan. 

A pesar dese contacto informal, responsables das instalacións trasladaron onte a responsables de Anedia e outros pais de nenos con diabete que non falaran en ningún momento coa Valedora do Pobo. Presentaron tres queixas en follas de reclamación e, como parte das alegacións, respondéronlles que "a Valedora do Pobo non se puxo en contacto coa dirección da empresa".

Ante esta nova situación, desde a institución indicaron que, se lles chega unha nova queixa de Anedia, volverán contactar coa empresa e están dispostos a reunirse con todas as persoas que o desexen para poñer fin a esta situación, tanto a empresa como a asociación Anedia. 

Por outra banda, desde o Concello de Pontevedra anunciaron este xoves que se poñerán en contacto coa Valedora, Milagros Otero, para informar do novo 'veto' da empresa á entrada con mochilas e pedirlle que faga as investigacións necesarias para aclarar o ocorrido. A administración local instaralles a que recomende aos cinemas "que non se volva a violentar o dereito destes nenos para ter unha vida e un lecer normallizado".

Ademais, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, poñerase en contacto cos responsables dos cinemas co fin de mediar e reiterarlles a petición de que deixen pasar aos nenos con diabete ou con necesidades alimentarias especiais os alimentos que precisan para manterse estabilizados.