O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra dá a razón ao Concello de Vilagarcía e avala a retirada do monumento falanxista adherido á fachada da igrexa parroquial de Santa Baia que a Fundación Española de Abogados Cristianos tentou paralizar.
A asociación católica presentou unha demanda pedindo paralizar o proceso, pero a xuíza decidiu desestimala argumentado, entre outras razóns, que esta fundación non está lexitimada para"interesar nada en relación ás decisións que afectan o patrimonio da Igrexa".
A xuíza tamén impón á asociación o pago das costas, que serán ata un máximo de 200 euros máis IVE.
O goberno local de Vilagarcía celebra o fallo, que lle dá a razón nos seus funcionamentos. A administración local opúxose á demanda baseándose, fundamentalmente, na falta de lexitimación activa de Abogados Cristianos para presentar denuncias deste estilo, como xa teñen fallado diversos Tribunais Superiores de Xustiza de distintos puntos de España en relación con recursos similares, ao entender que se trata dunha actuación nunha propiedade privada (a da Igrexa), que expresamente autorizou a retirada da cruz.
O xulgado pontevedrés conclúe, nesta liña, que a fundación "nin é titular do dereito á liberdade relixiosa, nin invoca ou acredita un dereito de acción pública urbanística para poder interesar nada en relación ás decisións que afectan o patrimonio da Iglesia, polo que carece de lexitimación activa".
Ademais, a xuíza considera que a fundación fai referencia a "danos irreparables", pero non os acredita e lembra que a cruz está na fachada da igrexa de Santa Baia, que pertence ao patrimonio eclesiástico, e no expediente do Concello consta un acordo do Arcebispado de Santiago de Compostela, que considera pertinente a retirada de laudas e da citada cruz.
A Comisión Diocesana de Arte Sacra do Arcebispado de Santiago estimou "pertinente" retirar as laudas e a cruz, deixando a cara da parede como estaba antes da colocación dese monumento conmemorativo.
O auto tamén lembra que o expediente administrativo tamén inclúe unha autorización da Conselleria de Cultura da Xunta de Galicia do 17 de xuño de 2004 que nunca se impugnou.
A dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, que ten un convenio de colaboración coa Igrexa para a conservación e fomento do patrimonio artístico e documental da igrexa católica en Galicia, tamén está dacordo coa retirada das laudas e a cruz, "devolvendo ao seu estado orixinal a fachada da igrexa".
Abogados Cristianos centrou a súa denuncia en que a retirada do monumento falanxista de 1939 atacaba á Constitución, á Lei de Liberdade Relixiosa e incluso á de Memoria Histórica e ata a Convención Europea de Dereitos Humanos.