A xuíza especializada en violencia de xénero Paz Filgueira dá unha charla formativa aos policías locais de Sanxenxo

Sanxenxo
21 de febreiro 2022

A actividade, que durou tres horas, serviu para repasar os protocolos de actuación, novidades xurídicas e dúbidas nas intervención  

Telmo Martín acude ap peche da sesión formativa dos policías locais de Sanxenxo sobre violencia de xénero
Telmo Martín acude ap peche da sesión formativa dos policías locais de Sanxenxo sobre violencia de xénero / Concello de Sanxenxo

A maxistrada do Xulgado de Violencia de Xénero, Paz Filgueira, desprazouse esta mañá a Sanxenxo para impartir unha charla formativa á Policía Local. A actividade á que asistiu a totalidade do persoal de axentes en activo serviu para repasar os protocolos de actuación, novidades xurídicas e dúbidas nas intervencións de casos de violencia de xénero.

A charla que tivo unha duración de tres horas resultou “moi positiva e clarificadora” para os axentes que puideron homoxeneizar criterios e revisar os protocolos de actuación para facilitar a instrución do caso. 

Filgueira é un referente na loita contra a violencia de xénero. Maxistrada xudicial desde hai máis de 21 anos, leva 9 anos exercendo no Xulgado de Violencia de Xénero de Vigo e, actualmente, está destinada ao Xulgado de Violencia de xénero de Santiago. É tamén formadora da Delegación de Goberno e Xunta de Galicia en temas de violencia contra a muller. 

O alcalde, Telmo Martín, acompañado dos concelleiros Daniel Arousa e Jaime Leiro, acudiron a clausúraa da actividade. Martín agradeceu a visita de Paz Filgueira e a formación “ pola experiencia e visión” que poida achegar sobre os casos de violencia de xénero.

Cabe lembrar que o Concello de Sanxenxo e a Subdelegación do Goberno de Pontevedra renovaron o ano pasado o protocolo de colaboración para a aplicación do programa de seguimento integral das vítimas de violencia de xénero, o coñecido como VioGén, en función do cal a Garda Civil e a Policía Local colaboran para a protección das vítimas. A vixencia deste acordo é de 4 anos prorrogables.

A actividade enmárcase dentro da programación do Centro de Información á Muller (CIM) previa á conmemoración do Día da Muller que terá lugar o próximo 8 de marzo. A actividade está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero