A Xunta aínda non foi convocada para participar nunha mesa de diálogo sobre ENCE

Pontevedra
23 de marzo 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, criticou este martes que o pleno do Concello de Pontevedra declarase persoa 'non grata' na cidade ao presidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares  

Alfonso Rueda nunha visita ao CGTD Mónica Patxot

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, criticou este martes que o pleno do Concello de Pontevedra declarase persoa 'non grata' na cidade ao presidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares. Considera que "resulta polo menos curioso que primeiro se declare persoa 'non grata' ao director dunha empresa e despois se lle chame ao diálogo".

Para o número dous do executivo galego esa decisión "non ten moito sentido" e "non axuda en nada" porque "non serve para a meta que debería ter todo o mundo" que é, ao seu xuízo, "o mantemento dos postos de traballo" que cifrou nunhas 5.000 familias afectadas na comarca de Pontevedra e na actividade forestal dependente de Ence en Galicia. 

O vicepresidente galego, que á súa vez é presidente do PP da provincia de Pontevedra, lembrou que "Ence xa dixo que se non queda no seu actual emprazamento irase e por tanto o que temos que facer é tentar que quede aquí".

Rueda sinalou que "cada vez se achega máis a aprobación da Lei de Cambio Climático" que se atopa en tramitación no Congreso "e se se mantén a postura do Goberno central poñeríase moi en perigo a continuidade de Ence" dixo en referencia ao polémico artigo 18, que confirma a limitación a 75 anos das concesións en dominio público marítimo-terrestre.

Neste sentido, Alfonso Rueda lembrou que os traballadores da fábrica de Lourizán foron recibidos a pasada semana pola vicepresidenta cuarta do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica do Goberno de España, Teresa Ribera que se comprometeu a convocar unha mesa de diálogo.

"Pasou unha semana e a Xunta de Galicia non ten ningunha noticia desa convocatoria", engadiu Rueda, que cre que "isto non é unha prioridade para o ministerio" e que "se está gañando tempo e non facendo nada para que a empresa e os postos de traballo queden en Pontevedra e en Galicia".

Rueda incidiu en que o informe elaborado pola asesoría xurídica da Xunta sobre a Lei de cambio climático conclúe que ese artigo 18.4 é "frontalmente inconstitucional", ademais de determinar que este apartado da norma e o 18.3 son "contrarios á seguridade xurídica".

POLICÍA LOCAL

O vicepresidente primeiro da Xunta fixo estas declaracións ao finalizar unha visita que fixo este martes as instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, que hoxe e mañá acollen as probas de aptitude física no marco do proceso selectivo para o acceso a 94 prazas do corpo de Policía Local de 35 concellos galegos, ás que están convocados máis de 320 aspirantes.