A Xunta alerta o persoal de Xustiza en folga que a súa oferta económica non vai mellorar

Pontevedra
13 de febreiro 2018

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou estar "disposto" a retomar a negociación cos sindicatos pero indica que a proposta realizada é inmellorable. O seguimento da folga, segundo os convocantes, situábase por riba do 92% durante este martes

Asemblea de persoal dos xulgados da Parda
Asemblea de persoal dos xulgados da Parda / SPU-USO

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, advertiu que o goberno galego non vai mellorar a proposta económica que se presentou na negociación cos representantes sindicais para liquidar o conflito laboral co persoal da administración de xustiza.

O máximo responsable da área de xustiza indicou que o goberno galego non vai aceptar "nin un pulso nin un toma e daca" nesta negociación e sinalou que os funcionarios cobrarían con esta mellora entre 800 e 1.000 euros máis no seu salario anual.

Rueda afirma que a Xunta non se pode permitir a proposta pola parte social, xa que supón unha cifra de 3.000 euros máis ao ano por cada traballador. Asegura que a subida exposta supón un aumento salarial do 4%. 

Este martes, o persoal mantiña unha asemblea nos xulgados da Parda para analizar a situación e estudar o calendario de mobilizacións para os próximos días. Os representantes sindicais consideran "ridícula" a oferta realizada pola Xunta de Galicia e manteñen a folga indefinida, que este martes na provincia de Pontevedra alcanzaba o 92% do seguimento.

Os sindicatos entenden que a Xunta carece de intención negociadora mentres que Alfonso Rueda sinala que as negociacións poden retomarse en breve e mantén que a administración autonómica nunca se levantou da mesa durante os encontros mantidos ata agora. Unha afirmación que é rexeitada polos sindicatos.