Os funcionarios de xustiza pedirán un adianto da nómina como medida de protesta

Pontevedra
24 de febreiro 2018

Os funcionarios de xustiza que levan en folga desde o pasado día 7 programaron novas medidas de protesta en Pontevedra para o vindeiro luns 26 de febreiro, na que será a cuarta semana de paro indefinido

Asemblea de traballadores da administración de Xustiza
Asemblea de traballadores da administración de Xustiza / PontevedraViva

Os funcionarios de xustiza que levan en folga desde o pasado día 7 programaron novas medidas de protesta en Pontevedra para o vindeiro luns 26 de febreiro, na que será a cuarta semana de paro indefinido.

Os sete sindicatos con representación na administración de xustiza convocaron aos funcionarios para que ese día, ás 9.30 horas, acudan a doar sangue ao Hospital Provincial. Explican aos seus compañeiros que, aínda que non poidan doar acudan igualmente para facer cola e visibilizar esta mobilización.

Para esta mesma xornada do luns, ás 11.30 da mañá, teñen previsto acudir á Audiencia Provincial para presentar unha solicitude de adianto de nómina, ademais de reclamar a dimisión do director xeral de Función Publica, José María Barreiro, no rexistro da Xunta.

A participación nesta folga indefinida segue sendo moi alta mentres o conflito laboral permanece bloqueado tras o fracaso das negociacións.

Segundo os sindicatos cada xornada de folga supón unha perda de entre 60 e 90 euros no soldo de quen a secunda e sosteñen que nas 13 xornadas que levan de paro indefinido, en toda Galicia suspendéronse uns 7.000 xuízos e denegáronse preto de 20.000 trámites.

O Colexio de Procuradores de Pontevedra emitiu un comunicado oficial no que alerta dos "graves prexuízos" que está a provocar ter os xulgados paralizados.