O persoal de xustiza en folga vai concentrarse ante a Audiencia durante o xuízo a Sito Miñanco

Pontevedra
26 de febreiro 2018

Este luns organizaron unha doazón de sangue e volveron realizar un acto de protesta no rexistro xudicial do edificio da Parda. Levan máis de 15 días de folga

Doazón de sangue e protestas do persoal da administración de Xustiza
Doazón de sangue e protestas do persoal da administración de Xustiza / Comité de folga do persoal de Xustiza

Tras máis de 15 días de folga, os funcionarios da administración de xustiza continúan levando a cabo actos reivindicativos.

Para este martes 27 anunciaron unha concentración ante as portas da Audiencia Provincial a primeiras horas da mañá coincidindo coa presenza de numerosos medios de comunicación que asistirán ao xuízo do narcotraficante Sito Miñanco

Será unha actividade máis dentro da campaña que seguen desenvolvendo os representantes sindicais ante a falta de acordo coa Xunta de Galicia sobre as melloras salariais que reclaman, equiparándose ao resto de funcionarios da súa categoría doutras administracións autonómicas. Este luns un amplo grupo de funcionarios portando as súas camisetas de protesta doaba sangue no centro situado no Hospital Provincial.

Tamén colapsaron o rexistro do edificio xudicial da Parda presentando un escrito no que se solicita o cesamento inmediato do director xeral da Función Pública, José María Barreiro Díaz. Entenden que faltou ao respecto e desprezado ao persoal da administración de xustiza da Xunta de Galicia.