"Rueda noso, que estás nos altares...", así comezaba o rezo irónico e reivindicativo dos funcionarios da administración de Xustiza no velorio que se desenvolvía na mañá deste venres nos Xulgados da Parda.
Calquera persoa que entrase a partir das 11.00 horas no edificio xudicial se atopaba no vestíbulo con persoal vestido de loito, candeas, flores e un ataud no que repousaba un monigote coa cara de Alfonso Rueda, conselleiro de Xustiza e vicepresidente da Xunta de Galicia, a quen cualifican como "o bicho da Xustiza". Durante case unha hora, os representantes sindicais levaron a cabo un acto de protesta que, seguindo as pautas do enterro de Ravachol, pretendía mostrar a perda de dereitos laborais e económicos que están a reivindicar desde que iniciaron a folga o pasado 8 de febreiro.
O enterro de ' Ruedachol' contou cunha recreación dunha cerimonia relixiosa, plañidos, traslado do ataud polas proximidades dos xulgados, oracións e mesmo unha solicitude no rexistro civil para darlle sepultura á figura do vicepresidente da Xunta.
Durante esta xornada, o seguimento da folga volveu contar cun apoio que rolda o 92% do persoal e os sindicatos alertan, tras a convocatoria dunha nova reunión negociadora para o luns 19 en Santiago de Compostela, que debe estar presente Alfonso Rueda, como responsable da Xunta de Galicia con capacidade para adoptar decisións