A Xunta autoriza a construción do polígono comercial do Vao

Pontevedra
09 de agosto 2018

A administración autonómica aprobou a Autorización Comercial Autonómica (ACA) á Inmobiliaria Ponteno para a construción no Vao dun establecemento comercial colectivo de 8.252 metros cadrados

Terreos nos que se proxecta un polígono comercial no Vao PontevedraViva

A creación dun polígono comercial no Vao está cada vez máis próxima a converterse en realidade, despois de superar diversos problemas administrativos ao longo dos últimos anos.

Un dos últimos requisitos necesarios para a súa construción acaba de obter luz verde por parte da Xunta de Galicia, que aprobou este xoves a Autorización Comercial Autonómica (ACA) á Inmobiliaria Ponteno para habilitar no Vao un establecemento comercial colectivo de 8.252 metros cadrados.

Este proxecto prevé a implantación de seis marcas comerciais e a creación de 471 prazas de estacionamento (das que se reservarán 18 para persoas con discapacidade), así como 4.406 metros cadrados de zonas verdes repartidos entre dúas parcelas.

Os impulsores do proxecto prevén a creación duns 190 postos de traballo directos e ao redor de 40 indirectos, vinculados a servizos como o transporte de mercadorías, limpeza, vixilancia ou mantemento.

O prazo previsto de execución e apertura destas novas instalacións é de dous anos desde a emisión da autorización comercial autonómica.

Arquivado en