O polígono do Vao completará o 100% do chan industrial contemplado no seu desenvolvemento urbanístico.
Tres empresarios iniciaron a tramitación para ocupar a última zona dispoñible no polígono, o máis próximo á cidade de Pontevedra. Trátase, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, dunha zona de 5.642 metros cadrados de edificabilidade situados xunto á nave municipal do Vao, xunto á estrada PO-531 no lado no que xa se atopa desenvolto gran parte do polígono industrial.
De toda esta superficie, 235 metros cadrados irían destinados a zona de aparcamento e o resto ás naves que instalarían os empresarios.
"O que fixeron é solicitar un cambio de sistema de compensación a concerto, o que faría máis áxil a tramitación", explicou Moreda.
Con este desenvolvemento, unido ao construído e ao proxectado no outro marxe da estrada, xunto á autoestrada, o polígono industrial do Vao "quedaría completo", confirmou o edil.
Precisamente en canto ao proxecto comercial na zona próxima á AP-9, atascado durante anos e que está a un paso de poder ver a luz, "está pendente o proxecto de urbanización, que é o que queda", lembrou.