A Xunta autoriza a contratación do servizo de ambulancias da área sanitaria por 9,1 millóns

Pontevedra
17 de abril 2024

O Consello da Xunta autorizou este martes a contratación do servizo de transporte sanitario terrestre non urxente (ambulatorio e hospitalario) e o hospitalario urxente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, por un importe total de licitación de 9.121.277 euros, e un período de 24 meses, que contará a partir do 1 de xullo

 

Trasladadas en ambulancia tres persoas por inhalación de fume nun incendio na súa casa en Vilanova de Arousa Mónica Patxot

O Consello da Xunta autorizou este martes a contratación do servizo de transporte sanitario terrestre non urxente (ambulatorio e hospitalario) e o hospitalario urxente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, por un importe total de licitación de 9.121.277 euros, e un período de 24 meses, que contará a partir do 1 de xullo. 

A finalidade do contrato é a consecución dos "máximos niveis de eficiencia na prestación deste transporte sanitario", establecendo os protocolos e procedementos que se estimen necesarios para a consecución de tal fin. 

O transporte sanitario, tanto programado como hospitalario, consiste no desprazamento de enfermos por causas exclusivamente clínicas, cuxa situación lles impida desprazarse nos medios ordinarios de transporte. 

O transporte sanitario abrangue ao paciente, ao acompañante se for necesario e aqueles accesorios ou elementos supletorios que, suxeitos a criterios facultativos, sexan necesarios para permitir e facilitar o traslado e posterior desenvolvemento do paciente do xeito más digno e autónomo posible. 

Recóllese un aumento moi significativo tanto de medios humanos como materiais, xa que se pasa de 38 a 43 vehículos e de 72 a 79 condutores. O número de servizos estimados totais na contratación deste servizo é de máis de 100.000 anuais.

Refórzanse determinados tramos horarios de alta demanda, como venres e prefestivos, para evitarlles esperas aos pacientes que haxa que trasladar aos seus domicilios e mellóranse as condicións económicas dos traballadores de acordo co V convenio colectivo galego de transporte sanitario que inclúe actualizacións dos salarios do 4 % para 2024 e do 4,25 % para 2025.

No que atinxe á xornada horaria dos traballadores, establécese unha redución de 8 horas en 2024 e outras 16 en 2025, e un aumento das axudas de custo, do complemento de transporte, e das retribucións de festivos e días especiais, entre outros incentivos.

Ademáis, promóvese a mellora dos valores medioambientais, xa que se esixe a adscrición á execución do contrato dun mínimo de tres vehículos eléctricos ou híbridos. 

Por último, introdúcese un criterio de adxudicación para favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar, segundo o establecido no artigo 57 da Lei 5/2021, de impulso demográfico de Galicia.