A Xunta de Goberno aproba máis de 600.000 euros para proxectos de accesibilidade e seguridade viaria

Pontevedra
19 de xuño 2017

O proxecto de calmado de tráfico na parroquia de Mourente, a seguridade viaria do Polígono industrial do Campiño, e o proxecto do último tramo de urbanización da avenida de Vigo foron algúns dos asuntos impulsados polo Goberno Local na reunión deste luns

Raimundo Gónzalez, portavoz do goberno municipal

A Xunta de Goberno local aprobou este luns adxudicacións, contratos ou expedientes de contratación por valor de máis de 600.000 euros.

O proxecto de calmado de tráfico na parroquia de Mourente, a seguridade viaria do polígono industrial do Campiño e o proxecto do último tramo de urbanización da avenida de Vigo foron algúns dos asuntos impulsados polo goberno local na reunión deste luns.

A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de contratación do calmado de tráfico na parroquia de Mourente con un orzamento de licitación de 141.615 euros e un prazo de execución de 4 meses. O proxecto supón a instalación de máis de 50 redutores de velocidade nas vías municipais que non foron tratadas até o de agora ou nas que non está previsto actuar cun proxecto singular.

O obxectivo deste plan integral é mellorar a mobilidade peonil e ciclista en Mourente e facer máis segura a vida dos veciños. Por iso, crearanse espazos seguros e itinerarios peonís, de tal xeito que calquera persoa poida ir camiñando de Eirós (a parte máis alonxada da cidade) a Valdecorvos (a máis próxima) con seguridade.

Entre as adxudicacións están a mellora da accesibilidade e seguridade viaria no polígono industrial do Campiño por un orzamento de 185.615 euros á empresa E.C.Casas. O prazo de execución é de 3 meses e as melloras que ofreceu son maior número de pasos elevados e máis espesor na capa de asfaltado.

O propósito desta obra é mellorar a accesibilidade dos peóns que transitan polo polígono pero tamén mellorar a seguridade viaria e evitar as carreiras de coches que se teñen rexistrado neste polígono. 

Por último, a Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación á empresa Covsa da reurbanización do segundo treito da avenida de Vigo por valor de 236.782,13 euros (o orzamento de licitación era de 274.895 euros). A empresa ten un prazo de execución de catro meses logo da sinatura do contrato, e ofertou melloras como os bordes graníticos da beirarrúa.

Trátase da última parte da rúa, duns 300 metros, situada entre Luís Seoane e o nó do Pino. A intervención de reurbanización é similar ao primeiro tramo que se realizou durante a apertura da avenida Josefina Arruti.

As beirarrúas teñen un mínimo de 3 metros, un carril de circulación, estacionamento en liña a ambos lados da rúa, arborado na marxe dereita da rúa, moverase o alumeado existente (xa renovado con anterioridade) e completar os farois que faltan. Tamén van refacer toda a rede de sumidoiros.