A Consellería de Política Social da Xunta de Galicia quere garantir que todas as familias da comunidade se beneficien da medida posta en marcha este ano pola Administración autonómica para a gratuidade das escolas infantís para os segundos e sucesivos fillos. Para iso, este xoves enviou un escrito á Deputación de Pontevedra para que tamén nas instalacións situadas en Príncipe Felipe quede garantido este dereito.
Nese escrito remitido este xoves, Política Social pide á Deputación que en canto saiba a matrícula desta escola no período de matrícula de setembro lle remita un escrito indicando que desexan participar na gratuidade e indicando o número de nenos que cumpren as condicións e a contía que supón para a administración prestar ese servizo. O obxectivo é poder concretar o contido da colaboración autonómica.
O escrito da Xunta, segundo a información á que tivo acceso PontevedraViva, ten o obxectivo de clarificar á Deputación a cobertura e darlle a coñecer a intención da Xunta é "dar cobertura a todo os nenos e nenas galegos que cumpran esta condición con independencia da titularidade da escola infantil á que acodan".
Esta comunicación realizouse de forma expresa á Deputación porque consideran que a escola infantil de Príncipe Felipe ten unha situación "singular". Dada esta singularidade, esta cobertura garantirase mediante a firma dun convenio de colaboración entre administracións.