A Xunta establece multas de ata 120.000 euros para aqueles positivos que se salten a corentena

Pontevedra
29 de agosto 2020

A Xunta de Galicia publicou na tarde deste sábado 29 de agosto as sancións económicas que se establecerán para o caso de incumprimento de medidas de corentena e illamento en casos de Covid-19, medidas que entende necesarias para previr e controlar as infeccións polo SARS-CoV-2 

Persoas camiñando con máscara protectora polas rúas de Pontevedra

A Xunta de Galicia publicou no DOG na tarde deste sábado 29 de agosto as sancións económicas que se establecerán para o caso de incumprimento de medidas de corentena e illamento en casos de Covid-19. Tamén se castiga a falta de colaboración coas autoridades na investigación e procura de persoas que poidan ter contacto cos positivos.

A orde sinala que estas medidas tómanse atendendo ao risco sanitario derivado da propagación da infección polo SARS-CoV-2, dado o seu carácter transmisible. Con elas quérese evitar un risco grave para a saúde da poboación no caso de persoas con síntomas compatibles ou diagnosticadas de Covid-19 ao tratarse de pacientes susceptibles de propagar a enfermidade. Sinala que se realizará un seguimento do cumprimento das medidas de illamento e estableceranse sancións en caso de infraccións derivadas do incumprimento das normas sanitarias. 

Desta forma, o incumprimento da corentena supoñerá unha infracción grave e supoñerá unha sanción no seu grao mínimo de 3.005 a 6.010 euros. Pero esta cantidade aumenta a medida do risco que se xere ata a posibilidade de alcanzar os 10.517 euros no caso dun grao medio e chegando aos 15.025 euros no seu grao máximo.

No caso de que a persoa que non se someta á corentena e teña un resultado positivo por Covid-19 a sanción será aínda maior. Se non mantén contacto estreito ou relación con outras persoas, a norma establece unha infracción grave con sanción que vai de 3.005 a 6.010 euros. Neste caso tamén a contía económica irá aumentando segundo o risco e a alteración para a saúde pública que supoña. No caso de que se detecte danos, riscos graves ou un número de persoas afectadas por acudir a eventos sociais multitudinarios, festas, celebracións ou establecementos abertos ao público pasará a considerarse unha infracción moi grave e o baremo da multa situarase nunha marxe entre 15.025 euros e 120.202,42 euros.

Tamén no suposto de incumprir a obrigación de illamento, a sanción mínima será de 3.005 a 6.010 euros, recolléndose un aumento progresivo ata situarse entre os 10.517 e os 15.025 euros. Neste caso, tamén se terá en conta os danos, riscos e a alteración que se puido producir a terceiros de forma que a infracción pasaría a moi grave e a persoa responsable someteríase a unha sanción que podería alcanzar os 120.202,42 euros.

Nos casos de falta de colaboración coas autoridades sanitarias na investigación e procura de contactos tamén se tipifica como infracción grave e as multas establécense entre os 3.005 e os 6.010 euros, que tamén se poden agravar segundo as circunstancias de risco chegando a 15.025 euros no caso do grao máximo.