A Xunta estima en máis de 5,8 millóns de euros as axudas que percibirán os 900 hostaleiros de Pontevedra, Marín e Poio

Pontevedra
24 de novembro 2020

A delegada territorial reuníuse cos representantes da Asociación Hoempo e cos da Plataforma de Afectados pola Covid para informarlles das compensacións autonómicas

Reunión de Luisa Piñeiro coa Plataforma de Afectados pola Covid Xunta de Galicia

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, revelou este martes, nunha dobre xuntanza mantida cos representantes da Asociación de Hostalería (Hoempo) e da Plataforma de Afectados pola Covid (PAC), que as axudas do goberno autonómico aos 900 hostaleiros dados de alta nos municipios de Pontevedra, Marín e Poio oscilarán globalmente entre os 5,8 e os 8 millóns de euros.

Así, a representante autonómica, acompañada polo subdirector xeral de Emprego, Juan Lirón, explicou o Plan de Rescate para Autónomos da Xunta, que conta con tres liñas de axudas en dúas ordes, unha das cales xa ten aberta a solicitude e a outra está pendente de publicación no DOG.

A Xunta outorgará unha contía fixa de entre 6.700 e 9.200 euros a cada autónomo que tivera que pechar o seu local, aínda que manteña o servizo a domicilio ou para recoller, nos case 70 concellos con restriccións para frear a transmisión da covid-19.

Luisa Piñeiro enumerou e detallou todos os requisitos para acceder a estas compensacións, que ademais "foron axilizados ao máximo cunha sinxela tramitación para que as primeiras poidan cobrarse dende o próximo mes de decembro". E tamén quixo destacar a "sensibilidade" da Xunta, xa que subíu a contía inicial noutros 5 millóns de euros tras reunirse cos hostaleiros para atender as súas demandas de máis recursos.

A delegada territorial, que recibíu o agradecemento do sector polas reunións, amosoulles a súa comprensión e a de todo o goberno galego polas dificultades actuais, pero quixo deixar claro que todas as decisións e restriccións "adoptáronse con tristeza por eles, pero coa máxima das responsabilidades para protexer a saúde dos cidadáns, preservar a sanidade pública e conter a transmisión do coronavirus".

Finalmente, Luisa Piñeiro recalcou que as compensacións e axudas que vai outorgar a Xunta aos autónomos en xeral e ao sector hostaleiro en particular a través do Plan Autonómico de Rescate son "moi importantes e só hai que ver as cifras millonarias das que estamos a falar para unha bisbarra como a de Pontevedra".

En todo caso, instou ás demais administracións, nomeadamente o Goberno de España e a Deputación de Pontevedra, que se sumen e tamén concedan axudas "xa que trátase dun problema global que afecta a todos e sobre o que todos temos responsabilidades".