A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica este xoves no Diario Oficial de Galicia o Decreto polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar unha senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-551, no treito entre Bagüín e Seixo, no concello de Marín.
Esta actuación conta cun orzamento de máis de 700.000 euros, no que se inclúe o pagamento aos titulares das 40 fincas necesarias para executar esta actuación.
A Consellería prevé o levantamento de actas previas no último trimestre deste ano e a licitación das obras no primeiro de 2020.
Trátase da construción dun itinerario de 940 metros na marxe dereita da vía autonómica PO-551, no tramo entre a intersección á altura da Cova da Moa e a beirarrúa de Bagüín.
Esta actuación inclúe a mellora do acceso á praia de Aguete, ampliando a estrada para facilitar as manobras e contribuír a optimizar a mobilidade en condicións seguras.