A Xunta nega que o centro de maiores de Campolongo presente riscos para traballadores e usuarios

Pontevedra
10 de maio 2019

O director xeral de Maiores, Ildefonso de la Campa, respondeu na comisión parlamentaria ás preguntas do PSOE sobre a situación do centro pontevedrés e avanzou que o goberno da Xunta está a redactar o proxecto para a construción da nova residencia para maiores na cidade

Residencia de maiores de Campolongo Paula Sanmartín

Patricia Vilán, en nome do Partido Socialista, preguntaba este xoves na comisión de Sanidade sobre a situación en que se atopa a 'Residencia do Maior' de Pontevedra e por que se incumpriu por parte da Xunta de Galicia o compromiso que Núñez Feijóo adquiriu a primeiros de 2017 de construír outro centro de maiores con prazas públicas na cidade.

O director xeral de Maiores da Xunta, Ildefonso de la Campa, indicou que a Xunta ten constancia do estado en que se encontro o centro e que se teñen realizado melloras como a renovación dos elevadores, a construción do comedor ou a reforma da cociña. Negou, en todo caso, que houbera algún risco para traballadores e usuarios.

En canto á escaseza de persoal ao que facía referencia o PSOE e que foi causa de protestas por parte do comité de persoal da residencia. De la Campa sinalou que o ratio de traballadores por usuario neste centro é superior á media establecida para Galicia.

Recoñeceu que en 2017 a Xunta se comprometeu para crear un novo centro para maiores. Indicou que o goberno xa ten en marcha este proxecto, que contará con unidades de psicoxeriatría e tratamento asistencial individualizado con equipo multidisciplinar durante as 24 horas. Avanzou tamén que se encontra en fase de redacción á espera de acadar un acordo co Concello de Pontevedra para que facilite un terreo idóneo para a súa execución.

Na quenda de réplica, a deputada Patricia Vilán preguntábase por que agora no Centro de Maiores de Campolongo non hai médico e servizo de enfermería durante as 24 horas como sería o idóneo. 

Rexeitou as palabras de Ildefonso de la Campa afirmando que si existen riscos porque a comida sobe ás habitacións no mesmo dispositivo polo que baixan as persoas falecidas e denunciou os problemas de adaptación que se presenta, sobre todo, no cuarto andar en que unha padiola non pode acceder ao baño.

Ademais, apuntou que desde o Concello de Pontevedra se ofreceron varios terreos á Xunta para a construción do novo centro e preguntou se será unha nova residencia pública ou de titularidade pública pero xestionada privadamente.

Por último, na resposta, o director xeral de Maiores contestou a esta última pregunta que se unha praza é pagada con cartos públicos é unha praza pública malia que estea concertada cunha empresa privada. O representante da Xunta indicou que é inviable un sistema exclusivamente público para a xestión destas residencias.