A Xunta pide ao Goberno que concrete "fondos europeos para dar unha alternativa a ENCE"

Pontevedra
19 de xullo 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, defendeu este luns que desde a administración autonómica "seremos aboslutamente proactivos e colaboremos co Goberno e coa propia empresa para poder identificar esa solución"

O conselleiro de Industria, Francisco Conde, no Parlamento de Galicia
O conselleiro de Industria, Francisco Conde, no Parlamento de Galicia

Despois das reaccións iniciais e un par de días de reflexión tras a sentenza que anulaba a prórroga á concesión de ENCE para ocupar terreos de dominio público en Lourizán, as diferentes partes implicadas no proceso de procura de alternativas para a pasteira empezaron a mover ficha.

Un deles é a Xunta de Galicia, que a través do seu vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou que "seremos absolutamente proactivos e colaboremos co Goberno e coa propia empresa para poder identificar esa solución pero dende un punto de vista pragmático", sinalou en relación a unha mesa de negociación.

En todo caso Conde esixe ao Goberno Central "que visite Galicia e que poida concretar fondos europeos para dar unha alternativa a ENCE" nun "proxecto realista".

Neste sentido o conselleiro, emprazando a ENCE, ademais dos propios fondos europeos entende que "para dar viabilidade a un proxecto destas características precisamos que haxa uns requerimentos técnicos dende o punto de vista da empresa".

Francisco Conde defendeu na súa intervención que "para a Xunta de Galicia a prioridade é o emprego e polo tanto a prioridade é que poida haber unha continuidade non só dos postos de traballo de ENCE senón tamén do impacto que ten un proxecto destas características no sector forestal e no sector loxístico", criticando que "non pode ser que a transición xusta se teña que asumir en termos de desemprego"

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en