Despois das reaccións iniciais e un par de días de reflexión tras a sentenza que anulaba a prórroga á concesión de ENCE para ocupar terreos de dominio público en Lourizán, as diferentes partes implicadas no proceso de procura de alternativas para a pasteira empezaron a mover ficha.
Un deles é a Xunta de Galicia, que a través do seu vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou que "seremos absolutamente proactivos e colaboremos co Goberno e coa propia empresa para poder identificar esa solución pero dende un punto de vista pragmático", sinalou en relación a unha mesa de negociación.
En todo caso Conde esixe ao Goberno Central "que visite Galicia e que poida concretar fondos europeos para dar unha alternativa a ENCE" nun "proxecto realista".
Neste sentido o conselleiro, emprazando a ENCE, ademais dos propios fondos europeos entende que "para dar viabilidade a un proxecto destas características precisamos que haxa uns requerimentos técnicos dende o punto de vista da empresa".
Francisco Conde defendeu na súa intervención que "para a Xunta de Galicia a prioridade é o emprego e polo tanto a prioridade é que poida haber unha continuidade non só dos postos de traballo de ENCE senón tamén do impacto que ten un proxecto destas características no sector forestal e no sector loxístico", criticando que "non pode ser que a transición xusta se teña que asumir en termos de desemprego"
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.