A Xunta responde ás críticas de Ponte Caldelas pola xestión dos niños de velutina e pon a culpa no seu tellado

Ponte Caldelas
09 de xullo 2020

A Xunta de Galicia recórdalle ao Concello que é un dos poucos que deixou pasar o prazo sen adherirse ao Plan de Loita contra a Velutina posto en marcha tras un acordo coa Fegamp. Adheríronse 284 concellos, o 90% dos galegos e conta cunha dotación de 2,3 millóns de euros 

Un operario retira un niño de ‘vespa velutina’
Un operario retira un niño de ‘vespa velutina’

A Xunta de Galicia respondeu este xoves ás críticas realizadas polo Concello de Ponte Caldelas á súa labor na loita contra a avespa velutina, nas que lle atribuíu un mal servizo ante o que a administración local decidiu contratar unha empresa privada para realizar a retirada de niños. Agora, o goberno galego recórdalle que é un dos poucos concellos que deixou pasar o prazo sen adherirse ao Plan de Loita contra a Velutina

Este plan púxose en marcha tras un acordo coa Fegamp e adheríronse 284 concellos, o 90% dos galegos. Conta cunha dotación de 2,3 millóns de euros a través de fondos propios da administración autonómica e do Fondo de Cooperación Local e con el a Xunta ofrece unha solución centralizada e coordinada cos concellos para frear o avance desta especie. 

A Xunta engade que o operativo estase a reforzar de forma progresiva en función da evolución dos números de avisos e a medida que avance a tempada e os niños se incrementen ata acadar os 80 profesionais previstos e con posibilidade de contar con máis se fose necesario.  Para o desenvolvemento da súa actividade, o operativo tamén inclúe un equipo de coordinación formado por catro persoas de persoal técnico e administrativo. 

O Concello criticou que a Xunta non responde ás demandas dos veciños de Ponte Caldelas, por iso é polo que optou por contratar unha empresa asumindo unha competencia que non lle corresponde. A Xunta responde que, nos concellos adheridos ao plan, na maioría dos niños os efectivos levan a cabo a súa retirada ou neutralización nun prazo máximo de cinco días hábiles. 

Ademais, debido á importancia deste servizo, a Xunta asegura que mantivo a atención dos avisos para a retirada de niños no teléfono 012 durante o estado de alarma polo coronavirus. Aínda que o volume de chamadas descendeu debido ao confinamento, o goberno galego insiste en que continuou cos traballos durante este período garantindo a protección e a seguridade dos efectivos de Seaga. 

Co inicio do proceso de desescalada e coincidindo coa época de maior presenza da avespa velutina, os avisos comezaron a incrementarse desde finais de abril e desde entón seguen una tendencia ascendente. Por iso, sendo conscientes desa problemática e co fin de poder atender o previsible aumento, a Xunta está a reforzar o equipo. 

Arquivado en