A Xunta retoma as obras da estación intermodal de trens e autobuses en Pontevedra

Pontevedra
15 de abril 2020

A administración autonómica, tras o parón de dúas semanas polas medidas de hibernación ante a crise  pandémica, quere manter o prazo de conclusión previsto para este 2020

Obras na Estación de Autobuses Diego Torrado

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta retomou as obras de execución da estación intermodal de trens e autobuses en Pontevedra. Un proxecto conveniado co Concello e que se mantivo paralizado nas dúas últimas semanas polas medidas de hibernación decretadas polo Goberno ante a crise pandémica. Contando con esa paréntese de actividade, o goberno galego contempla manter o prazo de conclusión para este ano 2020.

O proxecto arrincou en xaneiro co acondicionamento do edificio da estación de autobuses. Neste emprazamento realizarase unha reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética coa renovación do interior, a cuberta e a fachada, así como a mellora das instalacións e os sistemas de información.

Habilitarase unha conexión física entre as estacións de autobús e tren cun itinerario peonil que conleva unha reordenación do espazo con maior seguridade viaria e máis espazo público. Desta forma eliminaranse os dous accesos actuais á estación de autobuses, construíndo unha ligazón directa desde a rúa Josefina Arruti, dotada de semáforos e carrís de espera.

De igual forma, o proxecto contempla a posta en valor da contorna do río Gafos, coa rexeneración da área anexa á estación de autobuses, destapando o leito do río e construíndo unha pasarela que facilite o tránsito das persoas. Esta actuación ten un investimento que supera os seis millóns de euros, dos que a Xunta achega o 75%.