A Xunta solicita a licenza de obra para o novo centro de saúde de Vilagarcía

O Salnés
03 de febreiro 2024

O goberno galego iniciou os trámites de licitación desta obra, que terá un importe de 19 millóns de euros

Infografía do Centro de Saúde de Vilagarcía
Infografía do Centro de Saúde de Vilagarcía /

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), remitiu este venres ao Concello de Vilagarcía de Arousa a preceptiva solicitude de licenza municipal para a obra de construción do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa.

Este trámite prodúcese despois de que este luns a Xunta iniciase os trámites de licitación do contrato, coa publicación do anuncio previo da obra na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia e no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), cun importe de licitación de 19 millóns de euros. Tras este paso, a Xunta formalizará a licitación das obras nas próximas semanas, co fin de poder comezar a execución dos traballos este mesmo ano.

Este proxecto enmárcase no convenio asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Vilagarcía de Arousa. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é a encargada de licitar e executar as obras.

Este convenio recollía tamén o compromiso do Concello de declarar esta obra “de especial interese ou utilidade municipal” para poder aplicarlle unha bonificación do 95% no imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO). 

PLAN FUNCIONAL DO NOVO CENTRO

O novo centro de saúde, que dispoñerá dunha superficie construída de máis de 8.400 metros cadrados, formúlase con forma de dobre U xerando dúas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios aos que dá fronte. Estas prazas, convenientemente orientadas e resgardadas, serven de zona de espera protexida e de antesala ao centro de saúde e do PAC, respectivamente.

O Plan funcional previsto prevé tres consultas de medicina xeral máis ata chegar ás 17, 4 máis de enfermería, ata as 17 tamén; unha máis de pediatría e dúas máis de enfermería pediátrica, ata chegar a 5 de cada.

As instalacións contarán tamén con 2 consultas en lugar dunha das áreas de: farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, hixiene dental ou fisioterapia.

Ademais, o centro terá 5 consultas de docencia onde hoxe só hai unha e incorpóranse áreas como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou consultas médicas e de enfermería para que poidan acudir especialistas do hospital.

Os terreos dispoñibles para a construción do novo centro de saúde sitúanse na avenida da Mariña e foron terreos portuarios da antiga comandancia que foron postos ao dispor da Xunta grazas a un protocolo asinado entre Xunta, Concello e Autoridade Portuaria.