A Xunta subvenciona a contratación de socorristas para os meses de xullo e agosto

Marín
26 de maio 2022

O delegado territorial, Luis López, anunciou a concesión de máis de 82.000 euros para os municípios de Poio, Marín, Sanxenxo, Moraña e Campo Lameiro para garantir a seguridade en praias e piscinas

Socorristas de Marín
Socorristas de Marín / Concello de Marín

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financia a contratación de 24 socorristas para a próxima campaña de verán en cinco concellos da ría e da comarca de Pontevedra e outros 29 socorristas en sete concellos das comarcas do Salnés e Caldas, ao abeiro da orde de axudas para o fomento do emprego e a mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño, informou da concesión destas axudas.

O representante autonómico desglosou estas subvencións, orientadas a garantir a seguridade en praias e piscinas, nunha visita á praia do Bao, na Illa de Arousa, xunto ao alcalde, Carlos Iglesias. Este areal é un dos dous do municipio que ten bandeira azul e beneficiarase dos seis socorristas outorgados a este concello cunha achega de 18.660 euros.

Polo demais, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tamén aprobou oito axudas de salvamento para o Concello de Sanxenxo por importe de 28.264 euros, seis para Poio por 22.800 euros, outras seis para Marín cunha achega de 18.660 euros e dúas para as piscinas de Moraña e Campo Lameiro cunha contía de 6.220 euros, respectivamente. Sete axudas de salvamento para as praias de Vilagarcía por importe de 21.770 euros e dúas para o servizo de socorrismo en piscinas en Meaño, Ribadumia e Moraña, cunha contía de 6.220 euros cada unha. En todos os casos, subvenciónase a contratación por espazo de dous meses.

“A seguridade no verán, especialmente en espazos acuáticos como praias e zonas fluviais ou recintos municipais como as piscinas, é fundamental para seguir mantendo a Galicia como destino seguro e por iso dende a Xunta colaboramos moito cos concellos para que se doten de profesionais axeitados”, concluiu o representante autonómico.