A pesar das críticas que, dende o Partido Popular, se realizaron ante a decisión de converter a parcela situada fronte á bancada de Tribuna de Pasarón nun aparcadoiro disuasorio, o acordo alcanzado entre o Concello de Pontevedra e a Deputación para axeitar todo este ámbito non supoñerá a súa reconversión en zona verde. Así o desvelou o concelleiro Luis Bará que deu máis detalles acerca do proxecto que redacta o goberno municipal.
Dous terzos desta parcela seguirán usándose como aparcadoiro, debido ás necesidades, que xeran o estadio e a propia actividade do barrio do Burgo. ÿ, máis ou menos, o mesmo espazo que ocupa na actualidade. Tan só reducirase un pouco para habilitar beirarrúas maiores en todo este ámbito. A zona verde habilitarase no espazo máis próximo á bancada Sur, actualmente sen uso e cuberta tan só por unha capa de xabre.
Ademais, esta actuación que Concello e Deputación pagarán a medias, permitirá mellorar o vial peonil situado por detrás da bancada Sur e que une a Avenida da Coruña e a capela de Santiaguiño do Burgo. Trátase dunha zona, recoñeceu Bará, que se encontra en moi malas condicións e que, en épocas de chuvias, queda sempre nun estado impracticable.
O custo desta actuación será "sensiblemente" inferior ao orzamento que se comprometera no seu momento, xa que ao manter o aparcadoiro disuasorio xa habilitado haberá que investir unha cantidade de diñeiro menor.