Abel Losada acusa a Xunta de "construír un relato victimista para xustificar 15 anos de brazos cruzados" coa dragaxe do Lérez

Pontevedra
28 de febreiro 2025

O subdelegado do Goberno "roga" ao PP que "se é posible non me insulte outra vez chamándome gobernador franquista ou propagandista fanático" e recrimínalle que busca "confrontación partidista"

Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra
Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra / Mónica Patxot

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, acusou á Xunta de Galicia de "manipular" as conclusións preliminares do informe do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), organismo técnico de recoñecido prestixio dependente do goberno central, sobre a dragaxe do río Lérez.

Para Losada, a Xunta apresurouse a "construír un relato victimista para xustificar 15 anos de brazos cruzados".

Este xoves a Xunta anunciou que o informe recolle nas súas conclusións que o punto E8, coñecido comunmente como punto exterior de Sálvora, "deberá ser considerado prioritario sobre outras alternativas" para a dragaxe e criticou que este punto é o mesmo que se empregaba até abril de 2021, cando o ministerio decidiu non autorizar ningún novo depósito nel á espera dun estudo de alternativas.

Ao día seguinte, Losada sinalou que, tras este informe, "a Xunta quedou sen escusas para seguir procrastinando co dragado do fondo da ría de Pontevedra".

Losada considera "un asunto insólito" que unha administración autonómica que "leva demorando 15 anos unha actuación urxente" quere "convencernos de que a elaboración dun estudo técnico por parte dun organismo estatal era unha auténtica catástrofe e materia suficiente para abrir outra desas frontes de confrontación partidista á que xa estamos afeitos".

O Cedex emitiu o informe sobre os puntos de vertedura 7 meses despois de solicitalo a Xunta. Segundo indicou Losada, a Xunta presentou a documentación a finais de xullo de 2024 e o informe de 200 páxinas xa está en mans de Portos de Galicia. "Non parece, por tanto, que estean perdendo o tempo, como si fixo o goberno galego nesta última década e media", conclúe.

O Cedex estudou tres puntos de vertedura para dragados en toda Galicia. Ao norte, a zona B, unha zona nova; e a zona E8, zona de vertedura tradicional. E ao sur, a chamada zona D.

Segundo as directrices para o material dragado, a zona E8, no exterior de Sálvora, utilizada até agora, debe de ser considerada prioritaria sobre as outras alternativas. En todo caso, segundo consta no informe e lembrou Losada, "as tres localizacións definidas neste estudo valoráronse como axeitadas".

Respecto diso, indicou que a finais do ano 2024 manifestaron que tiñan 3 millóns de euros parados "porque o malvado goberno de España non lles deixaba" realizar as verteduras, pero no presuposto da Xunta só teñen reservada "a típica partida testemuñal de 100.000 euros" e os prometidos 3 millóns "formaban parte dese conxunto de partidas plurianuais que nunca sabemos si se van a executar e que na maior parte das ocasións pois se executan".

Ante esta situación, Losasda recomenda á Xunta e a Portos de Galicia "que se poñan a traballar" en canto o Miteco emita a autorización administrativa. "Por favor, non máis balóns fóra", sinalou, ademais de "rogar" ao Partido Popular "que se é posible non me insulte outra vez chamándome gobernador franquista ou propagandista fanático", como fixo nestas declaracións.

Así, na súa defensa, o representante do goberno central na provincia insistiu en que "desde a miña ideoloxía, a miña adscrición política e a miña representación institucional, procuro utilizar sempre argumentos políticos e técnicos para informar á sociedade".